NO INSTITUTO Valenciano de Arte Moderna está ata o vinte de febreiro unha preciosa exposición do californiano James Turrell, que animo a visitar a todo o mundo e en especial aos meus amigos pintores Loureiro e Caxigueiro, cos que comparto a admiración por este pintor. Turrell está nunha liña de arte transcendente que o emparenta con Rothko e con Dan Flavin, tanto pola espiritualidade dos seus traballos como pola utilización da luz, que nel é case o único soporte da obra. O gran problema das instalacións de Turrell é o público. Esta é a terceira vez que eu vexo exposicións súas e sempre as dificultades veñen da parte dos visitantes, que, desconcertados polo que ven e polo que non ven, xa que a escuridade é parte esencial da obra, póñense a falar a berros, a rir a gargalladas e ata a acender chisqueiros, destruíndo a sutil relación de luz e sombra das obras. O silencio é tamén esencial. Hai que estar calado e quedo, agardar a que os ollos se adapten ás novas condicións para empezar a captar os espacios que crea a luz, que tanto poden ser brumosos ámbitos azulados que evocan abismos inmensos como recintos dun vermello abraiante onde as paredes desaparecen. A eses espacios debería accederse a través de corredores escuros (así o vin eu unha vez), pero no IVAM, ante o risco de accidentes, decidiron iluminar lixeiramente os accesos e poñer ademais persoal que encamiña o público e advértelle onde hai espacios baleiros nos que podería caer. As amables azafatas, fartas de aguantar adolescentes e nenos de colexio, cando topan cun visitante que disfruta danlle toda clase de explicacións. Así me enterei de que aínda que Turrell era contrario á súa presencia e á iluminación dos corredores, as demandas que sufriu aolongo da súa traxectoria e o feito de que sempre gañou o demandante levárono a aceptar a solución valenciana. Tamén me deron unha boa recomendación: «Veña ás tres da tarde, que non hai ningúen». Dende aquí trasmítoa por se os amigos se animan, que paga a pena.