RESULTA sorprendente o silencio con que está a transcorrer o encontro de Exeter, auspiciado polo poderoso G-8, onde douscentos científicos de todo o mundo abordan a problemática do cambio climático. O encontro ten relevancia porque o grupo dos oito países máis industrializados do mundo nunca puxo demasiado interese en buscar unha solución ao gravísimo problema do «efecto invernadoiro», moi especialmente Estados Unidos, que se negou a asinar o tratado de Kioto. Se cadra, agora que os danos provocados polo cambio climático se cuantifican en 400.000 millóns de dólares nos dez últimos anos e ameazan con multiplicarse no futuro de xeito espectacular, os gobernos decidan tomarse en serio un tema que xa é alarmante. Ademais, é o mundo desenvolvido o que emite o 60% dos gases contaminates. Os prognósticos alertan de que a temperatura media da Terra vai aumentar entre 1,5 e 6 graos durante o presente século, pero as consecuencias da contaminación ambiental (que segundo a ONU xa provoca tres millón de mortos ao ano) poderían ser moito máis graves do previsto. De feito, hai estudios da Universidade de Oxford que aseguran que o aumento da temperatura mundial podería chegar á escalofriante cifra de 11 graos centígrados. O certo é que moitas petroleiras como Exxon Mobil (que obtén uns beneficios netos por enriba dos 11.000 millóns de dólares) están a destinar importantes cantidades de diñeiro a financiar estudios científicos que minimicen os efectos do cambio climático, a fin de neutralizar as protestas sociais e as preocupacións dos gobernos. Pero a realidade é que o deterioro natural que o ser humano levou a cabo no planeta desde a Revolución Industrial é auténticamente devastador. Mentres en Vigo, a cidade que ten a triste honra de acumular o máis alto nivel de fumes negros de Europa, un escuro localismo fai que recibamos a pedradas os membros de Greenpeace, as tasas de extinción da fauna e da flora no mundo son mil veces superiores á natural. Claro que o 45% da masa forestal do mundo está xa desaparecido porque a degración da biodiversidade é atroz. E as catástrofes naturais, como o tsunami, ameazan con multiplicarse co quentamento do planeta, que xa é unha realidade. Se non queremos deixarlles ás nosas fillas e fillos un futuro aterrador, con restriccións hoxe impensables, é impresicindible atallar xa os gravísimos problemas medioambientais que temos enriba.