A VERDADE é que a actualidade parécese moito ao pasado: pouco se pode intervir nela. En canto unha noticia asoma as orellas xa sabes en qué vai parar. Todos sabemos que o plan Ibarretxe , por moi rufo que se poña Ibarretxe, non sae. Nun suposto hipotético de que se fixera un referéndum entre os vascos a resposta do non sería abrumadora, como así sería se o fixeran os cataláns, aos que xa non se lles ocorre ameazar con tal cousa. Por certo, ¿por que non se fan sondeos de opinión neste senso? ¿Por que a xente lle ten tanto medo á verdade, aínda que a verdade estea da súa parte? ¿Por que nos deixamos ameazar os humanos con tanta facilidade? Iso si que me interesa, saber por qué tantos millóns de persoas se deixaron levar a Auschwitz sen opoñer resistencia (cóntao moi ben Antonio Muñoz Molina no seu libro Sefarad ), ou por qué outros tantos millóns perderon a vida a mans de Stalin sen que ninguén se erguera contra aquela opresión (lean Koba el temible , de Martin Amis). ¿Eran eses procesos irreversibles, fatídicos? ¿Tiña que ser así? ¿Ten que ser así que os americanos institúan a democracia en Iraq a bombazos e despois da morte de tantos homes e de tantos nenos? As cousas máis terribles que acontecen na historia, na natureza, ou na vida das persoas, difícilmente se poden prever, e en canto se desencadean non se poden evitar. Pero hai outras cousas, esas que entran no paquete da actualidade política, das que se sabe xa de antemán en qué van parar. Tódolos actores se empeñan en xogar o seu mellor papel, e en seguir actuando como se a actualidade puidera dar grandes volcos, coma unha boa película de cine. Para min o plan Ibarretxe forma parte deste paquete de cousas previsibles nas que a vida política se entretén: todos sabemos que os vascos votarían que non , como sabemos que se votará si á Constitución Europea por moito que non nos chiste a maneira de vendérnola. Non ao plan Ibarretxe porque en España a memoria da discordia, da dictadura e o separatismo está demasiado recente aínda como para desexarmos vascos e toledanos outra cousa que non sexa ir xuntos a tódolos lados, ata para mexar. Si á Constitución Europea porque non podemos quedarnos fóra dun proceso do que xa formamos parte de cheo. É a mesma razón a que lle di non ao plano Ibarretxe e si á Constitución Europea, porque para seguir existindo non basta con mirarse ao espello: temos que ter quen mire para nós.