DESPOIS de anos de predicar en contra de legalizar a prostitución, por fin conseguín convencer a unha persoa partidaria da legalización de que legalizar non resolve o problema. Unha persoa non é moito, despois de tantos anos de prédica, pero menos da unha pedra. Eu sempre crin que o que se di convencer, non convencíamos a ninguén. Ao sumo, o que se consegue é dar argumentos ós que pensan coma nós para que poidan defender as súas ideas, pero facer cambiar de opinión a quen pensa de modo contrario, coido que eu non o conseguín nunca, ata agora. Na miña mesma casa tiña a proba do fracaso. De nada serviron razonamentos, argumentos, ou probas das falacias dos que estaban levando a cabo a campaña en pro da legalización (os empresarios de locais de alterne); os meus fillos, emborricados no seu erro, respondían sin inmutarse: mellor estarán legalizadas que sen legalizar. Ata tal punto chegamos, que decidimos non falar do tema, convencidas as dúas partes da inutilidade do debate. Por iso, cando o fillo máis novo, á volta dunha viaxe por Holanda, me dixo: «A partir de agora vou defender o modelo sueco no tema da prostitución», non me decatei do que estaba a oír e respondín: «Alá ti». El insistiu, e entón decateime de que o modelo sueco é o que presta axuda á prostituta e castiga ao prostituidor, sexa chulo ou cliente. Só faltaba que me dixese que foran os meus razonamentos os que o tiñan convencido, pero está visto que neste mundo non hai felicidade completa, porque ás miñas preguntas contestou: «Pensei que nun país democrático non se debe dar liberdade para que alguén sexa escravo». ¡Anos machacando e agora resulta que o pensou el soíño! En fin, pode que a vista dos escaparates holandeses coas mulleres ofrecéndose coma unha mercancía contribuíran a facerlle cambiar de opinión, ou quizá se deba a influencia dunha nova moza coa que está saíndo, pero eu quero pensar que algunha parte me corresponde, e que quizá non sexa ésta a única conversión que conseguín.