29 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

¿E LOGO non? ¿Alguén vai decir o contrario? ¿Quen pode oporse á Europa das garantías sociais, do programa Erasmus para universitarios, á Europa da libertade que arelamos dende os anos sesenta e na que nos admitiron en 1986? O referendum está plantexado, pola maioría das forzas políticas, como se fose unha consulta sobre o benestar. Qué iamos responder se nos preguntasen: ¿está vostede a favor da Seguridade Social? Este referendum é moi pouco político na súa presentación; máis ben semella un deses plebiscitos suízos nos que se pregunta polos aditivos do chiculate. Mais no fondo deste referendum hai toda unha discusión sobre como construir Europa, na que entran os euroescépticos de diferentes países, ciumentos, sobre todo, de perderen a soberanía dos grandes (Reino Unido) ou pequenos (Dinamarca) Estados; na que entraron tamén os socialistas franceses nun debate moi eloxiado en España pero que ninguén está a reproducir. O profesor Carlos Taibo, nun recente libro, é dos poucos que avanza informadamente nesta cuestión dende o ámbito intelectual. A apatía que sobre este asunto hai en España tan só reflicte o desinterese, a desinformación e o papanatismo de quen ve a Europa como un maná vido do ceo respeito do que non temos ningunha responsabilidade individual nin colectiva. A Europa deste referendum é, cando menos, tres cousas distintas. Un proceso: de construcción política, social e económica. Un símbolo: de liberdade e progreso social. Unha Constitución que, como todas, expresa unha correlación de forzas, das forzas que están ou aspiran a estar non poder. Todo iso vai ser votado no referendum e, en función de todo iso e de onde se poña o acento, os cidadáns temos razóns para estar a favor, en contra, absterse ou votar en branco que son transversais ás diferentes forzas políticas. Independentemente do que os partidos proclamen, en cada posición de voto hai moitos matices diferentes. Hai unha posición de si irreflexivo: ¡Si ho! ¡que máis da! ¡temos que ser agradecidos! Outra de Si cuco: ese si que aparece nos cartaces do PP que, por algunha razón, inclúen o non no seu lema aínda que piden o voto favorabel. Unha ambigüidade como a do referendum da OTAN. Segundo o inquérito de Sondaxe, os votantes da dereita son precisamente os máis dispostos a votar non, no medio dunha desinformación preocupante. Os votantes máis informados, segundo o mesmo inquérito, veñen ser os do BNG, froito seguramente dun proceso de debate moi semellante ao dos socialistas franceses que permitíu que no ámbito sociolóxico do nacionalismo se presentaran as diferentes posicións. Por iso tamén foi a única forza política na que, sobre a Constitución europea, se visualizan todas as posturas de voto que hai na sociedade: si, non e branco. Dubido que haxa millor forma de construir Europa que someter a discusión este asunto. Dende o europeísmo pódense comprender as razóns para o non do S.L.G. e a Coordenadora Paysanne europea: contraria ao modelo productivista que alenta o texto e que é responsabel de que se pechen explotacións rendibeis. O si de Telexornal ou de presidente de Deputación, non nos convence nin aos máis partidarios do voto afirmativo.