A INTERVENCIÓN de Pilar Manjón na comisión sobre o 11-M é un feito político esclarecedor da situación de vergonza, non só da comisión mesma, senón da política e dos políticos en xeral, que están para servir á sociedade que os elixiu e só serven ao seu partido e a eles mesmos. Por iso ten razón tamén cando dixo algo tan grave e verdadeiro como que, xusto «fóra desta casa aínda queda moito ar fresco e moita luz baixo o ceo». Fóra dela, quedou moi claro, e non dentro. Ou sexa, que a sociedade vai por un camiño e a política por outro, afastándose esta máis e máis do mandado dos electores. O que significa unha quebra de moito contido, porque, ao noso ver, todo é posible nunha situación de tanta gravidade: novos fascismos, autoritarismos, neocóns , servidume ao partido, afastamento dos electores, servidume á recadación do voto... Puxo o dedo na chaga Pilar Manjón. Ao día de hoxe non se albiscan solucións. Pero é claro que de agora en diante os cambios teñen que ser radicais. Non hai outro camiño.