POLO SI ou polo non, Bono ten que armala sempre. Dende a súa folclórica toma de posesión ata o discurso do día 8, pasando polos actos do día 12 de outubro, apañouse para ser noticia de primeira páxina e que os seus ditos e os seus feitos leven á polémica. Sabe escenificar as cousas, sen dúbida. Pero ten mala sorte: non hai maneira de que xorda no país un Valle-Inclán que o inmortalice. É pena, porque este, no seu tempo, non dispuxo nunca dunha realidade tan ad hoc como a que hoxe Bono, e outros, lle poñen en bandexa a ese non nato Valle-Inclán que tanto botamos en falta nos nosos días. Pode que o problema sexa outro: os esperpentos daquel autor viñan ser unha ollada á realidade por medio dun espello cóncavo. Era unha realidade deformada. Hoxe, pola contra, a realidade, sendo tal como é, xa supera abondo á que se podería obter aplicándolle un espello cóncavo. Temos avanzado tanto que nin nos decatamos de que hoxe o esperpento está máis na realidade ca na literatura. Valle-Inclán xa non é necesario.