A magnitude do escándalo

FRAN ALONSO

OPINIÓN

OS DATOS que acaba de facer públicos a FAO no seu informe anual sobre o Estado da Inseguridad Alimentaría no Mundo son autenticamente escandalosos: cinco millón de nenas e nenos morren cada ano no mundo debido á fame e á malnutrición e 20 millóns de lactantes padecen o risco de falecer ou de sufrir minusvalías físicas e psíquicas ao longo da súa vida polo mesmo motivo. En moitas ocasións, as cifras ocultan, coa súa frialdade, a auténtica dimensión do drama humano, pero neste caso é esa mesma frialdade a que nos redimensiona a gravidade dun problema (o da fame e a malnutrición) que afecta a 850 millóns de persoas. E non podemos esquecer o marco en que todo isto se produce (se é que alguén se ocupase de lembrárnolo algunha vez): un mundo onde arredor de 350 persoas ingresan anualmente nas súas arcas particulares a mesma cantidade de diñeiro coa que viven 2.700 millóns de persoas. Segundo datos da ONU, a metade da poboación mundial sobrevive con menos de dous euros ao día e 1.300 millóns de persoas sobreviven con menos dun euro diario. A magnitude inmoral destes datos dá conta de até que punto o noso actual sistema de reparto da riqueza mundial continúa a ser produndamente feudal. Trinta e catro anos despois de que os estados ricos do mundo se comprometesen a donar o 7% do seu Producto Interior Bruto para minguar os problemas da pobreza mundial, ninguén cumpre aínda uns obxectivos tan modestos e pouco significativos para o Occidente. Coma sempre, os maiores prexudicados de tanta inxustiza habitan esa patria da indefensión chamada infancia. Os nenos e nenas son sempre as primeiras víctimas da fame, dos conflictos bélicos, das desaparicións, do maltrato, da explotación sexual; obrigados con frecuencia a se converter en soldados, en asasinos a soldo (sicarios) ou a seren testemuñas do asasinato dos seus proxenitores. ¿Acaso é posible non sentir rabia e indignación ante a contemplación dun mundo así? Mentres o presidente Lula se propoñía como máximo obxectivo do seu mandato que todos os brasileiros puidesen comer, cando menos, unha vez ao día, o reelixido George Bush teimaba en manter a miseria do planeta, con bombardeos e invasións, para conservar os seus intereses económicos e estratéxicos. E é que somos tan hipócritas que, como di Mendiluce, lles vendemos armas aos que odian e non defendemos nin armamos aos que aman.