No 25 cabodano de Blanco Amor

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

O ANO 79 foi un tempo de fin de carreira para as letras galegas duns homes que padeceron a historia. Precedidos pola morte de Lorenzo Varela nos derradeiros días do 78, seguiulle a de Luis Seoane no abril do ano seguinte, a de Celso Emilio Ferreiro no agosto e a de Eduardo Blanco Amor no primeiro día do decembro do 1979. O pasado mércores, organizado polo P.E.N. Club e coa colaboración da Deputación e do Concello ourensán, tivo lugar na cidade das Burgas un recordatorio deste excepcional fillo de Ourense, con ofrendas na campa, coloquios, homenaxes e recitais. Coñecín a Eduardo na miña casa da Tumbona e tamén polos anos da II República, incruso unha tía miña namorouse del; cousas que pasan. Reencontreime con el en Buenos Aires no 55. Non había moito que el chegara de Chile, e amigos galegos, emigrantes e exilados, mercáranlle un piso como contribución á súa precaria economía coincidindo co seu éxito co Chile a la vista , na rúa J.F. Uriburo. Alí estiven con el un día compartindo unha polenta que el mesmo preparou. Coido que en algún intre teño recordado aquel departamento que me impresionou porque alí estaba todo recollido e preparado como pra voltar a Galiza ao día seguinte. Eduardo mostroume como un trofeo que trouxera de Chile unha cristalización de sal na que un oco atopábase mediado de auga. Dicía que era dos tempos da creación do noso mundo. O prestixio de Blanco Amor nos medios de comunicación bonaerenses era moi importante. Destacábase as súas dotes de orador cunha información pouco frecuente. Neste homenaxe que se lle fixo o pasado día 1 puiden comprobar que deste tempo da Argentina aínda non está ben estudado, pois recordei o homenaxe que durante un mes lle fixo a García Lorca unha televisión porteña dirixido por Blanco Amor coa colaboración de Margarita Xirgú. Todo isto proba que aínda hai moito que facer pra que non pasemos á historia como uns falsos inventores da pólvora, pois ésta xa estaba inventada polos chinos hai máis de dous mil anos. Cando no 56 voltei a Galiza entregoume o orixinal de A Esmorga para Galaxia pedíndome que o ilustrara. Cando cheguei non fixen outra cousa que entregárllelo a Paco del Riego, xa coas ilustracións, quen recibiu este orixinal con gran entusiasmo, e non perdeu tempo en diagramalo e metelo no prelo. Como se sabe, a Galaxia a tiñan castigada e non lle deran número de rexistro editorial; así non lle asistía a consulta previa, polo que tiña que imprimir as galeradas coas ilustracións e demais datos e presentalo, como se o libro estivese armado, pra solicitar o permiso de publicación. Como se sabe, o Ministerio de Madrid rechazou de plano todo o libro e ao traveso da Delegación de Galiza amonestou á editorial por tentar publicar semellante cousa. Cando ao ano seguinte voltei a Buenos Aires levei o exemplar rechazado, e alí Seoane indignado fíxolle a tapa e tirou a edición príncipe de A Esmorga na editorial Citania. O disgusto de Blanco Amor foi grande pois se decatou das dificultades que tería voltar a Galiza e vivir do seu traballo. Cando voltou, no 71 aínda tivo inconvintes con Xente ao Lonxe pois tachou cousas das galeradas e practicamente todas as ilustracións que eu lle fixen, do que tivo que apandar Del Riego. Logo de 12 anos do seu pasamento, con García-Sabell na Academia, adicóuselle o Día das Letras Galegas. Mais tamén convén celebrar as cousas negativas pra que a historia non se repita, aínda que, á vista do que acontece, quedan algúns que queren agachalas.