| O |
03 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.LENIN, segundo afirma García Márquez: «Se non te metes coa política, a política acabará meténdose contigo». Sentenza óptima. Un quere escapar de todo isto pero descobre a evidencia: EE.?UU., Bush, Galiza, Fraga. Acendo a radio ás seis da mañá e escoito My Sharona . Despois, Jiménez Losantos (a quen todo quisque chama don Federico, con aquiescencia e actitude de servizo) don Federico que, a saber, detesta: o partido socialista, o presidente americano que tiña unha amiga becaria, Polanco, a esquerda, Zapatero, e Zapatero, e Zapatero. Non consigo escapar: nin de Losantos, nin de Zapatero. Por último, a viaxe de Rajoy. Grito: ¡Ahhh! O meu contemporáneo é Kafka. El sabe que o factor humano desapareceu. Que a democracia americana é para os americanos (para o 60% dos americanos, os que votan, os que outorgan máis votos a Bush que a ningún outro presidente na historia). Que a felonía é o credo da política galega. Que morren o corazón, a arte, a intelixencia e a ninguén parece importarlle. Que doe a alma de tanta miseria. Por todos estes motivos a política debía preocuparse de solventar estas carenzas e, máis tarde, xa se ocupará de meterse contigo. Ou conmigo. Ou con Kafka, ese contemporáneo. Triste.