CANDO EU era neno vía a televisión, que me gustaba moito, e lía libros, que tamén me gustaban. Na televisión había un horario infantil, onde saían uns actores algo cursis que cantaban cancións, falaban con animais de peluche e facían tartas de chocolate. Aos pequenos parecíannos algo infantiloides, e non entendiamos esa obsesión por aprendernos os números e a sumar e restar cando iso era precisamente unha das poucas cousas que xa sabiamos. Pero viámolos porque nos sentiamos dalgunha forma obrigados. Era a programación infantil e se supoñía que era moi educativa. Entón críase moito no poder educativo da televisión (era o Franquismo). Non sei se funcionou moi ben. Deixémolo en que mal, seguramente, tampouco fixo. O que non sei se me faría mal serían os libros. Dickens, Dumas, Lazarillo ... Gustábanme moito. Líaos na versión simplificada de Joyas Literarias Juveniles , pero aínda así aí estaban con toda a súa crueza: os nenos maltratados en Nicholas Nickelby , a brutalidade e a maldade do mundo do Lazarillo de Tormes, a ferocidade do que poderíamos chamar «relacións interpersonais» en Los Tres Mosqueteros. Tiña pesadelos coa prisión da illa de If, onde ía parar o conde de Montecristo, choraba de mágoa polo pequeno tamborileiro sardo cando perdía a perna na batalla de Solferino e daba gracias polo feito de que, con todo e non ir contento ao colexio, o trato, en comparanza co que recibía Oliver Twist, podía considerarse máis que correcto. Pero non deixaba de ler estes libros. Eran libros recomendados para nenos, eran cultura , e os adultos dicían que eran moi educativos (eles saberían). Ademais, e sobre todo, gustábanme. Agora intento ver na reforma das programacións de televisión que anuncia o goberno o que ve todo o mundo: o esforzo por protexer ós nenos, unha causa nobre. Pero non o consigo. O que vexo son uns pais que non saben ter autoridade cos seus fillos e un Goberno que confunde a educación co puritanismo. A televisión-basura , a televisión-lixo, existe sen dúbida, véxoa todos os días, abúrreme. Pero o seu lixo non está nos contidos, que son os mesmos que enchen a literatura, a arte, o cine, a condición humana: o amor, o odio, o sexo, o poder, a xenerosidade; o lixo está na maneira de comunicalos, penso eu. Quizais é que a miña moral non é moi firme. ¿E que lle vou facer? Son un producto da televisión educativa e da boa literatura.