¿PODE ALGUÉN imaxinar que sucedería en Vigo se desaparecese unha muller cada semana durante doce anos e os seus corpos aparecesen meses máis tarde con signos de violación, tortura e mutilación? ¿Pode alguén imaxinar a alarma social que iso xeraría na cidade logo de ver a inquedanza que provocaron os recentes asasinatos de Carmen Casal e Sara Alonso? Pois exactamente iso é o que está a suceder en Ciudad Juárez, no norte de México. Desde 1993, nesa localidade fronteiriza cos EE.?UU. desapareceron arredor de seiscentas mulleres mozas; os seus corpos, violentados cun sadismo espectacular, adoitan aparecer en zonas desérticas próximas á cidade, sen que até o de agora se esclarecesen as circunstancias nin se atopasen probas condenatorias ante semellantes crimes de xénero. Desde 1993, numerosas teorías, maiormente estúpidas (homicidas en serie, pornografía snuff , tráficos de órganos) serviron para aumentar o desconcerto da poboación mexicana nun contexto en que a corrupción, a neglixencia, a pasividade e a complicidade do sistema xudicial e policial (que chegou a empregar probas falsas, exames forenses erroneos e torturas nas súas supostas investigacións) son realmente escandalosas, como denunciou Amnistía Internacional. Tanto é así que este ano a ONU solicitou que se reabran todos os expedientes xa pechados polas autoridades federais mexicanas. As desaparicións e os asasinatos de Juárez poñen de manifesto que o que está a suceder é un auténtico feminicidio, a máis perversa sistematización da violencia de xénero. As víctimas son mulleres novas, traballadoras, de extracción social moi humilde, que son contratadas como man de obra barata por empresas trasnacionais instaladas nunha zona deprimida. Con todo, son elas, curiosamente, as mulleres, as que traballan e posúen un mínimo poder adquisitivo (invertindo os roles tradicionais) nunha zona en que os homes sufren o desemprego, emborráchanse, e non soportan que as cousas sucedan ao revés de como sempre sucederon. Por iso as víctimas foron con frecuencia acusadas da súa propia morte pola súa forma de vestir ou de traballar, e os seus familiares acosados con campañas de desprestixio. O que está a suceder en Ciudad Juárez (que nunca é portada dos telexornais e nin sequera noticia nos medios europeos) é unha aberración tan grave como o nazismo e o racismo. Eu, francamente, sinto vergoña de vivir nun mundo así.