O LEMA da precampaña do PSOE fíxome lembrar o título do programa electoral de Esquerda Galega nas primeiras eleccións autonómicas (1981). Aquel Agora Galiza era un libro de máis de 200 páxinas, subtitulado Programa de goberno e reivindicativo , que intentaba demostrar a capacidade do nacionalismo para pensar e gobernar o país. Que 23 anos máis tarde siga a ser un lema actual é toda unha declaración, non sei se de principios pero si do estado da nación. Que o escolla o PSOE ten miga. Visto con retranca pode facer pensar que, despois de ocuparse de todo o Estado, por fin ollarán para este recanto que chaman N.O. Así o dá a entender a pulpada de Zapatero no San Froilán. Tan mal compadecida co asunto de Izar e os orzamentos. O que parece máis digno de comentario é o desexo de Zapatero a prol dun PSOE galeguista. Hónrao a el que, como tantos foráneos, seguramente ve o galeguismo como expresión lóxica dunha identidade diferente -e non só gastronómica- pero precisamente por vir de quen ven, este mesmo desexo seu sementa dúbidas sobre o grao de galeguismo que pode agardarse do PSOE aquí. ¿Imaxínanse a Zapatero animando o catalanismo de Maragall? ¡Cousa máis innecesaria, non! Pois iso. Estamos en precampaña electoral. Que sexa longa ou curta vai depender de que o presidente decida o que queira, cando queira e como queira, porque na súa casa -como na da cantiga- non manda ninguén, mentres el conserve o garfelo de remexer no caldo. Mentres agardan por Fraga, os tres partidos que disputan o goberno decidiron inaugurar o tempo electoral con toda pompa, incluindo a escolla de lemas identificativos da súa proposta. Polo ben de Galiza , o do Congreso do PP, preséntase benintencionado e paternalista pero sobre todo maniqueo: o bon somos nós o malo os demais. O do BNG, Respecto x Galiza , aínda que cun formato atractivo, era máis que previsible e seguramente durará o que a discusión sobre os orzamentos do Estado. Dada a seca creativa, nesta recuperación do pasado apunto algúns outros eslogans de EG naquelas primeiras eleccións que seguen tendo vixencia: Todos temos razóns para cambiar e Vota en galego, foron os dous rótulos principais daquela cartelería en branco e negro que presentaba a un Nogueira de tres cuartos e con garavata. Tanto esforzo permitíu acadar un único deputado que cos tres do Bloque-PSG xuntaron os catro solitarios nacionalistas daquel primeiro Parlamento Galego. Outro lema: Gobernemos nós a nosa terra , este do BN-PG, coido que nas eleccións de 1977, foi seguramente o máis atinado, claro e menos circunstancial de cantos ten utilizado o nacionalismo nestes 25 anos de democracia. Se o PSOE revisita os lemas do nacionalismo, por qué o nacionalismo non había de reciclar os seus propios? Este flash-back de eslogans fainos pensar que volvemos ao comezo da andaina autonómica e parece confirmar que a oposición pensa seriamente en darse outra oportunidade. Por iso non convén esquecer que naquelas primeiras eleccións -as do desbordamento do Amazonas- o lema que barreu foi o famoso Galego coma ti de AP, co que se fixo primeiro presidente da Autonomía ao -¡que pouco lembrado!- doutor Fernández Albor, da man de Fraga.