TEMOS tan interiorizado o racismo que quizáis non val a pena nin comentalo. Ademáis xa nos deron para o pelo os periódicos estranxeiros destacando a xenofobia da arenga do entrenador nacional. O que posiblemente mereza un comentario é que estamos nun país no que costa moito recoñecer públicamente os erros e asumir as consecuencias deles, tanto que se trate de presos fugados como de pifias deportivas. Eu non estou moi ao tanto destas cuestións, pero a imaxe de Luis Aragonés afrontado a un xogador como se fose turrar contra el e dicíndolle que el era mellor que o negro de merda do outro equipo era, vista dende fóra, penosa, tanto dende un punto de vista deportivo, como social. Pero esa non parece ser a impresión dos propios interesados. Michel Salgado, xogador do Real Madrid non só defendeu ao entrenador senón que fixo recaer a culpa do escándalo na prensa sinalando que se as cousas seguían así habería que facer os entrenamentos a porta fechada. E en efecto así se fixo para evitar que o que se diga ou se faga alí transcenda á opinión publica. Non sei o que pensara Thierry Henry, que foi o insultado, pero é posible que non lle dea gran importancia. O racismo está tan asumido que os propios negros fan bromas sobre eso, como Eto'o, o novo xogador do Barcelona, que dixo que estaba disposto a correr coma un negro para comer coma un blanco. Na miña casa, coido que por influencia de miña avoa, emigrante durante algúns anos en Cuba, dicíase cando había moito barullo: «¡Que merenda de negros!». Eu non o digo, pero ás veces, a soas, ante algunha situación de confusión e desorde no meu interior resoa aínda esa merenda de negros . Así que do racismo non me sorprendo, porque sei que o levamos dentro e que sae á menor ocasión. O que me parece escandaloso é que non se asuman as consecuencias, que se lle busquen disculpas ou que se intente ocultar. A fin de contas un entrenador nacional non representa só un deporte senón un país. E a imaxe que deu o noso foi lamentable.