A TRAXICOMEDIA da Granja de San Ildefonso, vista hoxe e aquí, parece confirmar o sentido circular que os gregos tiñan da Historia. En setembro de 1832, cando Fernando VII houbo de morrer, sucedéronse as intrigas no seu leito para revocar o decreto de 1830 que restablecera a Pragmática Sanción e a sucesión femenina negada pola Lei Sálica. A derogación garantiría que o sucesor de Fernando fora, en troques da súa filla e futura Isabel II, seu irmán o infante don Carlos, cabeza do que coñeceremos como Carlismo. Os protagonistas da intriga foron, alén do rei e a raíña, os confesores, dous ministros e tres diplomáticos ultras -embaixadores de Cerdeña, Nápoles e Austria-, empeñados en cortar o paso ao liberalismo. Coa aprobación do contradecreto, escribe J. Fontana, «a proximidade do triunfo fixo perder a cabeza aos carlistas. Comezaron a difundir a noticia da súa victoria e a facer pública ostentación dos seus preparativos para tomar o poder, e deron lugar á reacción dos contrarios...». Recuperada a saúde, o rei cambia o Goberno e anula o decreto derogatorio. Dende os acontecementos do Prestige , cos altibaixos gubernamentais, as disputas internas e crises sucesorias, vivimos na Galiza a mesma sensación de fin de réxime. O posfraguismo hai anos que deixou de ser motivo de especulación. Foi un título habitual de artigos e previsións políticas, pero a capacidade para sucederse a si mesmo que demostrou o actual presidente da Xunta fixo obsoletos aqueles pronósticos. Agora, cando estamos na fin da Era Fraga, ninguén fala daquela esperanza que vanamente alimentou á oposición e aos aspirantes á sucesión do Patrón . Fraga está aquí para que nada cambie. Así, literalmente, declaroullo hai semanas a unha das poucas xornalistas que pode interpelalo directamente. Esa grande verdade sobre a súa función nega toda a propaganda sobre a súa capacidade para poñer a Galiza no mundo e facela avanzar. Ese non é o seu obxectivo, se atendemos ás súas propias declaracións e a unha avaliación dos seus logros. Os indicadores económicos e sociais sobre a posición de Galiza nestes anos así o demostran. O que fai de Fraga un mito é a súa grande capacidade, esta si portentosa e ben demostrada nos últimos tempos, para a contención das situacións de mudanza. Por iso seguramente non convocará eleccións anticipadas. Mesmo co risco de renunciar finalmente á relección. Posibilidade aberta ao poñer solemnemente o seu cargo a disposición de Raxoi no pasado congreso. É un mestre da continuidade, desa perpetuación política que convirte a un goberno nun réxime. Diante da posibilidade de que o Partido Popular perda as próximas eleccións, respírase a sensación de fin de réxime. Sen caer en anacronismos inxustos, a situación actual evoca outros dous momentos de mudanza da historia recente: a fin do reinado de Fernando VII e o final do franquismo. Dous rexímenes que tiveron en común o obxectivo de sucederse a si mesmos, de alongar o pasado e de frear un futuro que só chegaría co seu final. Pero os rexímenes non caen sós. Alén de esperanza social -triste por resignada-, requírese dun forte empuxe e mesmo de xestos unitarios da oposición política.