NA ANTIGA Roma había colexios de sacerdotes que se encargaban dos banquetes sagrados; chamábaselles «epulón», que significa comellón. Xesús tece unha parábola: un ricacho banquete decote recostado nun triclinio, diván para tres convidados. Deitado tamén, pero no inhóspito chan do portal, vestido coas propias chagas, ao mendigo Lázaro non lle daban nin as faragullas. Un palleirán achegábase a lambelo. Non dou sabido se o relato contrasta o alivio do canis vulgaris coa ruindade do homo sapiens , ou é que o can de palleiro se aproveita da graxa das chagas purulentas. En Israel o pobre era desprezado, singularmente polas autoridades relixiosas, para as que castigo e recompensa eran cousa desta vida. O concepto de «pobres de Iavé» implicaba a Deus e aos seus fieis na loita revolucionaria, contra toda tradición. O Magníficat pono Lucas en boca de María de Nazaré; séculos antes Ana, nai do profeta Samuel, recita unha moi semellante cantiga.