IMAXINO QUE se vostedes seguen a crise do Partido Popular en Galicia estarán tan desconcertados coma min. Porque, en principio, ao saír da famosa cea do luns con José Luis Baltar, o presidente Fraga dixo, se se lembran, que o encontro fora «magnífico», unha reunión «entre dous amigos e colaboradores». Pouco antes, o secretario xeral do PPdG, Xesús Palmou, asegurara que non existía «ningunha discrepancia» no partido despois da remodelación do Goberno. E entón, de repente, resulta que nos enteramos de que o que lle dixo o presidente da Deputación ourensá a Fraga durante a cea foi que abandonaba o partido. Non sei vostedes, a min paréceme que hai algunha pequena contradicción, e ante esta contradicción un non ten máis remedio que preguntarse: ¿Cearon estes dous homes realmente no mesmo restaurante? ¿E que restaurante é ese no que polo visto hai tanto ruído que un non é capaz de entenderse? ¿Sería Baltar con quen ceou Fraga, ou sería un dobre como os que tiña Sadam Huseín? ¿Ou será Fraga quen ten un dobre? Porque aquí as contas non cadran. Descarto xa de principio a posibilidade de que quixesen despistarnos aos cidadáns sobre a profundidade da crise. Así que eu, co fin de salvar a credibilidade de todas as partes, atrévome a propoñer esta versión do sucedido no restaurante, que xa me apresuro a aclarar que é pura especulación e non producto de ningunha filtración e menos aínda da espionaxe electrónica. Para que teña sentido, a cousa debeuse desenvolver máis ou menos así (e utilizo as iniciais por cuestión de espacio, non porque se trate de menores). MF: Parece que quedou boa noite. JLB: Voume do partido. MF: Que ben, que magnífica reunión estamos tendo. JLB: E levo comigo a sete deputados, e imos deixar ao Goberno sen maioría absoluta. MF: Considérote un verdadeiro amigo e un colaborador. ¿Máis prebe? JLB: Si, gracias. E presentaremos listas separadas, porque estades maltratando a Ourense. MF: Polo que vexo, non temos ningunha discrepancia. Que ben o estamos pasando ¿Abrimos esta botella? JLB: ¿É Ribeiro? MF: Non, é «Ribera», «del Duero». JLB: Logo non, gracias. A conta. Ata aquí a especulación, como digo, sobre o sucedido na última cea (e isto é só unha maneira provisional de chamala, ata que haxa outra). Un intento, en fin, de explicala, sen ter que desmentir a ningún dos protagonistas. Se non, non se entende nada.