Mares do común

OPINIÓN

17 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FÁLASE de caracterizar a actual producción ostreícola galega coa denominación Ostras da corda, nome acaído para termaren deses dous milleiros de toneladas de producción en batea. Mais, se me permiten unha volta requintada para esa proposta de marca comercial, quixera facerlles notar que se ben se acredita nela un xeito de cultivo, recolle tamén o sistema de concesión administrativa do mar para poder facelo. Daqueles grandes praceres ostreícolas do século XVIII a unha minguada producción en batea, vai boa parte da historia da explotación do mar caseño. Liberalizado o mar e potenciada a liberdade de industria na revolución liberal do século XIX, as autoridades enredáronse coas ostras -a quen non acaia ben a liberdade de explotación-, anticipándose ao equívoco debate da «traxedia dos recursos de propiedade común». E atendendo a que as poboacións de ostra devalaban, deron dunha banda en regular -cando menos no papel- a súa explotación, e comezar ao tempo en tentar solucións pola vía de privatización do uso do espacio marítimo, coas primeiras concesións privadas por ver de poñer remedio ao esgotamento das ostreiras. Nin as concesións privadas, nin as escolas de ostreicultura, nin os plans de recuperación ostreícola desenvolvidos dende hai un século, pararon o seu devalo. Tampouco o esforzo na investigación. Parte de toda aquela vella historia non era exclusiva de Galicia, e mesmo non se comprende sen atender ao que sucedía co mercado e a producción na Francia, e moi en particular na súa costa atlántica. Alí estaba o mercado, o esgotamento das súas poboacións, mais tamén a recuperación. Mesmo daquela con ostras galegas, ou portuguesas. Agora coa xaponesa. Alí fixeron tamén parcelación para cultivo e a conseguinte privatización. Mais Francia mantense hoxe como primeiro productor europeo de ostra, e Galicia non. E polo tanto se unha tan longa historia como a das ostras servira para a reflexión e o debate sobre os recursos marisqueiros, cumpriría atender a un algo máis que á propiedade, ás normas de explotación e acceso, á ecoloxía, aos mercados, e ás propias organizacións mariñeiras. Ou facelo todo por xunto. Por ver se desenredamos no mar a contradicción -evidente ou aparente- entre producción e propiedade, onde seica reside a traxedia dos comúns. ¿Ou non?