Aborto e información

FRAN ALONSO

OPINIÓN

A RECENTE e polémica presenza en Portugal do barco de Woman on Waves incide nun problema que, ao contrario do lle correspondería nesta sociedade da información, se agrava. O barco de Woman on Waves transporta unha clínica para practicar abortos a mulleres residentes naqueles países que gardan unha ríxida lexislación anti-abortista. En realidade, o que a organización holandesa pretende é provocar o debate; un debate imprescindible, a xulgar polas estatísticas, e que debe afectar sobre todo á poboación adolescente. Segundo o informe que acaba de facer público a ONG Save the Children , 13 millóns de nenas de 10 a 14 anos dan á luz cada ano no mundo tras quedaren embarazadas involutariamente. Estados Unidos, a pesar do reaccionario puritanismo do país, ten a tasa máis alta de embarazos adolescentes do mundo desenvolvido, con 900.000 por ano. En España quedan preñadas 65 menores por día; esa é a fría cifra dunhas estatísticas que indican que o embarazo en menores aumentou no estado español máis do 50% desde 1990 ata a actualidade. A conclusión máis clara é que a actual política de prevención (se podemos considerar que existe) é un auténtico fracaso. Habitualmente, a metade das adolescentes embarazadas abortan, pero en Galicia as cifras superan a media española (un 55% fronte a un 49%, segundo os datos do Centro Superior de Investigacións Científicas). E o 98% dos embarazos en menores son non desexados. ¿Que falla, daquela, para que o problema se agrave? Sen dúbida, estase a producir unha gravísima contradicción entre unha mocidade que licitamente desexa exercer a súa liberdade para gozar das relacións sexuais e unha sociedade que non lle ofrece a información axeitada e pertinente a un sector da poboación que aínda está en formación. As estatísticas din que maioría dos adolescentes non accede aos medios anticonceptivos e, cando o fai, utilízaos incorrectamente (o 33%). Abraia comprobar aínda hoxe a pervivencia de tabús e falsos mitos, herdados dun pasado represivo. Coma sempre, o problema é a desinformación. Así que, hoxe máis que nunca, é imprescindible incorporar a educación sexual nos plans de estudio, crear seminarios informativos sobre métodos de anticoncepción nos centros de ensino e concienciar as familias e a sociedade de que a información é sempre un beneficio e, desde logo, nunca un prexuízo.