DEVALA o verán cara a súa fin e déixanos nos beizos ese sabor inquedante da súbita campaña de ETA en Galicia. O terrorismo manifestamente inútil da organización vasca quere deixar tímida constancia da súa potencial vitalidade buscando saídas en latitudes xeográficas distintas ás habituais; e esta vez tocoulle a Galicia. Pero logo dos atentados do 11 de marzo calquera atentado de ETA será unha burda caricatura do absurdo, unha amarga broma da sinrazón; e eles sábeno. O terrorismo, aínda tan contemporáneo e por desgraza cada vez máis vixente, desapiadado e actualizado polo fanático integrismo islámico, é, con todo, unha forma tan violenta como anacrónica de expresar os conflitos sociais, económicos e relixiosos do noso tempo. A súa perenne inutilidade fronte á razón, a súa pornográfica brutalidade e a súa pérfida inhumanidade convérteno nunha arma inútil de antemán; e quen practica o terrorismo só pode ser alguén mentalmente doente e incapaz de habitar máis aló da negra fronteira da irracionalidade primaria. O terrorismo é sempre terrorismo: violencia, coacción e extorsión pola forza, ben sexa para secuestrar a 130 nenos nunha escola en nome da liberación de Chechenia, ben para colocar unha bomba de baixa potencia nas praias de Baiona e nos cantóns da Coruña ou ben para rebentar os trens de cercanías en Madrid. O terrorismo é un descarnado drama para as súas vítimas e un pesadelo para as sociedades, como a vasca, que o padecen. O terrorismo de ETA é tamén, como non, unha eterna condena e unha maldición para as persoas que cremos nun nacionalismo progresista, integrador e democrático. Para as persoas que estamos convencidas de que os valores do diálogo e da paz -que son as únicas formas aceptables do futuro posible- son principios irrenunciables, para as persoas que defendemos ese nacionalismo que ao tempo nos enriquece coa herdanza inmaterial dunha terra e nos converte en cidadáns do mundo, dese nacionalismo que nos universaliza a partir do propio, que nos homologa como individuos contemporáneos, abertos ao mundo e aos demais, sen renunciar á cultura a que pertencemos; ese nacionalismo moderno e eficaz que nos habilita, desde a nosa identidade, para ser cidadáns deste planeta único que se chama Terra.