Fraga e o rei Arturo

OPINIÓN

01 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON ME crerán, pero seica eu estaba alí cando Fraga tomou a decisión de presentarse a un quinto mandato. Foi no cine. Fora ver eu Rei Arturo . Quería botarlle un ollo á última versión cinematográfica do mito artúrico, do que tanto lin na miña vellez (eu chámolle así á miña infancia). Sobre todo, estaba intrigado por unha frase promocional da película que di que é «a que máis se achega a como sucederon os feitos na realidade»(¡). Curioso, considerando que o rei Arturo non existiu nunca. E mellor así, porque se chega a ver esta película quizais preferiría non ter nacido. O caso é que, na escuridade da sala, tiven a impresión (mais non a certeza) de albiscar a don Manuel, disimulado entre o público adolescente. Miraba distraído, pareceume. Imaxinacións miñas, pero creo que estaba ponderando a súa decisión. Segundo as crónicas, o rei Arturo gobernou Camelot durante uns cen anos, case sempre con maiorías absolutas. Arturo chegara ao poder arrancando unha espada chantada nunha rocha, un procedemento que hoxe se nos antollaría escasamente democrático e máis propio dunhas Olimpíadas que duns comicios presidenciais, pero unha vez cumprido este requisito, Merlín, que era o equivalente do presidente do Tribunal Constitucional, outorgoulle o poder non xa de disfrutar de lexislaturas dilatadas, como os cen anos que mencionabamos antes. Merlín, pouco amigo do bipartidismo, decidiu que nin sequera a forma suprema de moción de censura, a morte, traería a alternancia: Arturo, ao morrer, retirouse á illa de Avalón e de alí, conta a lenda, volverá algún día en forma de corvo para retomar os asuntos oficiais de mans dos dous vicepresidentes que deixou mentres tanto a cargo. De todo isto, Rei Arturo fala pouco, porque é unha versión pésima, que lle fai a Geoffroy de Monmouth o que Troya lle fixo a Homero. Pero estaba acabando a película e fixeime en Fraga (ou no home que se lle parecía), e vin que sorría e deixaba a un lado o seu cucucho de palomitas. Creo que nese momento acababa de tomar a decisión. Entón acendéronse as luces e busqueino outra vez coa mirada. Pero non estaba. Só había xente esfregando os ollos e estirando os músculos e unha fresca, case imperceptible brisa de misterio e profecía que ninguén pareceu percibir.