CANDO me dá o lumbago, que é cada vez con máis frecuencia, aproveito para ler best-sellers , ou sexa, algo que me distraia. Así evito pensar qué vou facer se me quedo para sempre nunha cama, e de paso evito desesperarme por non ter feito cando podía o que xa non poderei facer dende a cama. Despois de ler unhas cantas páxinas volvo á miña habitual actitude e penso que no leito non se está moi ben, pero que por aí fóra tampouco se atopa o paraíso terreal. E entón pido que me traian o portátil e con moito esforzo escribo algo. A esta actitude na vida uns chámanlle optimismo, e outros pesimismo, segundo me din polas miñas novelas e artigos. A min o mesmo me dá, porque, como non podo ser doutra maneira, o nome tenme sen coidado. Pero o caso é que desta volta o lumbago colleume mal provista e só teño a man un best-seller que non é doado para a situación: 99 Francs , a novela do francés Frédéric Beigbeder, traducida ao español co título de 13,99 Euros . Conta a historia dun brillante publicitario que, anoxado das manipulacións da publicidade, decide escribir unha novela para denuncialas, conseguir que o despidan da súa empresa e vivir tan ricamente co que ten aforrado e cos cartos do despido. Ao autor tamén o despediron da empresa de publicidade na que traballaba, pero cos dereitos de autor xenerados pola denuncia parece que as cousas lle van mellor ca ao seu protagonista. Conta que vacas e polos están atiborrados de antibióticos, que os peixes se alimentan con fariña de peixes, que o leite ten dioxinas a eito; que as radiacións dos móbiles son prexudiciais, que, en consecuencia, nenos e xente nova padecen cada vez máis cancros, pero que non o podemos evitar porque un occidental medio está sometido a 4.000 mensaxes comerciais diarias que o converten nun autómata consumidor... Di tamén que en Francia hay 12.000 suicidios ao ano; máis ou menos 32 ao día. Pregúntome cantos deles sofrirían de lumbago e non terían a man un bo best-seller para consolarse.