NON CONCORDO coa oposición: non me parece escandaloso que as ministras socialistas aparezan retratadas na revista Vogue . Tampouco concordo co Goberno: non me parece que se trate de algo novo e revolucionario. De feito ¿que máis habitual na Historia que esa querencia dos gobernantes a ser retrados, inmortalizados, a celebrárense a si mesmos da man dos artistas do seu tempo? Napoleón tiña a David, Carlos V tiña a Tiziano, Felipe IV a Velázquez. As ministras do goberno Zapatero teñen a Vogue . Ben, vai en gustos. (Por outra parte, quen sabe se Velázquez, de terminar a carreira agora, non traballaría para Vogue ). Eu o Vogue recoñezo que nunca o leo con calma, porque as poucas veces que lle boto un ollo é preocupado na consulta do dentista, onde se me ofrece como única alternativa a Mundo de la Odontología . Por iso alegreime cando vin alí ás ministras, posando no entorno da Moncloa con roupa de deseñadores caros, como se estivesen na hora do recreo dun Consello de Ministros. Alegreime, primeiro, porque vin que finalmente oito ministros se poñían de acordo en algo. Segundo, porque así coñecín a algún deles, dos que en más de catro meses de lexislatura aínda non sabía quen eran nin que facían. O Vogue , aquí, demostrou ser máis eficaz que o BOE. Comprendo tamén o enfado de onte da vicepresidenta do Goberno, unha das modelos do posado, polas críticas dos que as tratan de mulleres frívolas. Di a vicepresidenta que a idea era celebrar a paridade no Goberno como un triunfo das mulleres, esa paridade que a min, sempre inocente, paréceme inspirada máis por Siete novias para siete hermanos que polas filosofías de Mary Wollstoncraft. E para celebrar todo iso, ¿onde se non no Vogue ? Era un manifesto feminista, logo. Ben, entonces hai que apoialo. O que pasa é que cando se escolle o Vogue para facer un manifesto feminista, é unha de dúas: ou que o Vogue cambiou moito ou que o que cambiou moito foi o feminismo. A menos que se tratase diso precisamente: de demostrar que as mulleres ministras poden igualarse cos seus colegas varóns en vaidade personal e torpeza política, o que, si, hai que recoñecelo non deixa de ser unha forma de igualdade. O malo é que para igualarse ós homes, as ministras tivesen que diferenciarse tanto do resto das mulleres.