O proceso mariano

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

O PAPA, nunhas condicións físicas penosas, recorre os santuarios marianos exaltando os miragres de María. Foi a Fátima, a Lourdes e seguirá a Loreto, en Italia. A Igrexa reivindica a Virxe en momentos de crise e a figura de María vai collendo importancia na Igrexa paralelamente ao lento proceso da obtención de dereitos das mulleres. No Novo Testamento, María non tiña importancia e a penas aparece. Cando na Idade Media, a muller, reflectida na poesía e no amor cortés, adquire protagonismo, a Igrexa fai o propio coa Virxe e difunde por Europa os libros de miragres, Codex Calixtinus e outros, e Alfonso X promove as Cantigas de Santa María , en galego. A virxe, salva, cura, protexe a humanidade, adquire un poder. No Concilio de Éfeso, ano 431, foi proclamada nai de Deus. A súa virxindade foi definida no Concilio de Constantinopla, no 553. Coa Ilustración, as mulleres reivindican dereitos e a Igrexa perde poder. Cómpre darlle valor á Virxe. No ano 1854, Pío IX proclama o dogma da Inmaculada Concepción. Volve a devoción mariana e as aparicións milagrosas. Lourdes foi no ano 1858. As mulleres acceden á Universidade, en correspondencia a Virxe debe acceder ao Ceo. O dogma da Asunción, da subida ao ceo de María en corpo e alma, e dictado por Pío XII en 1950. Neste momento, o Papa acaba de arremeter contra as feministas radicais. (Aproveito para darlle as gracias no meu nome e o das miñas compañeiras. Recoñece o noso protagonismo no avance social). O seu mundo se desmorona. Normalízase o aborto, as relacións sexuais libres, a homosexualidade, o cambio nos métodos reproductivos... Para a Igrexa chega o momento de enarbolar a María. A aceptación do seu papel irrelevante, a abnegación, a submisión, a pureza... son os modelos da feminidade. Noustante, non se decatan de que o paradigma non serve en certos aspectos fundamentais. Por exemplo, María non serve como modelo de nai de familia numerosa... Un fallo.