O VERÁN vigués vai impoñendo a súa tranquilidade e as relacións entre o Concello e a Zona Franca (ese importante poder fáctico da cidade, con todas as consecuencias que implica para a vida cotiá da cidadanía) semellan relaxarse. Desde sempre, o verán vigués actúa cun efecto de catarse. No estío, Vigo parece outra cidade, igual de enérxica e vital, pero cun ritmo distinto, acougante, no que se percibe, cada vez máis, o peso do sector dos servicios e a influencia crecente do turismo e as súas -aínda pouco explotadas- posibilidades. Cando o tempo é bo, a poboación viguesa abandona a urbe cara ás praias ou cara aos frescos parques forestais do seu entorno. O natural desexo de esparcimento, así como as enormes posibilidades que ofrece a natureza dos arredores empuxan á poboación fóra da cidade, evidenciando, unha vez máis, o carácter de funil que teñen as vías de comunicación viguesas e as graves deficiencias da súa área metropolitana (maiormente O Morrazo e o Val Miñor). En cambio, cando chove no verán, Vigo retén a súa poboación e, ademais, absorbe todo o turismo das zonas próximas, que se concentra nas áreas comerciais, convertendo o tráfico da cidade nun auténtico inferno. Ese Vigo tranquilo, agarimado polo bo tempo, é unha cidade que convida a pasear, especialmente á tardiña, cando recobra o alento da súa respiración urbana. Daquela, o paseante pode ensoñar aínda unha cidade francamente mellorable, por exemplo, con ese Paseo Litoral pendente, desde Teis a Canido; ou con ese proxecto que, da man do arquitecto Alfonso Penela, pode reconverter a fachada atlántica viguesa a partir do Barrio do Cura; ou con esa recuperación -a pesar dos obstáculos xudiciais- da Finca Sensat, que só se concibe para gozo da cidadanía; ou coas instalacións da ETEA redirixidas ao uso público; ou coa urxente e definitiva rehabilitación do casco vello a fin de que, como dicía Siniestro Total, desapareza o lobishome do Berbés. Por certo que falando de desaparicións, nas festas deste verán destaca precisamente a ausencia de Siniestro Total. O innovador espectáculo que o grupo vigués presenta agora por toda a xeografía española, O Gran Show Medicina , non recala aquí porque non o reclaman. Se cadra é que a un grupo así aínda se lle ten medo. A política é a política.