O PRÓXIMO 25 de Xullo, como todos os anos, unha multitude de incondicionais reunirase para conmemorar o seu día en Santiago. En medio de libacións e cánticos, renovarán o seu voto coa súas crenzas máis fondas. Untaránse con ungüentos e bailarán ata caer nun estado de trance. Mergullaránse na lama e practicarán o vudú, co fin de afastar ós malos espíritos e converterse en invencibles diante dos seus inimigos. Non me refiro, claro está, ó Día da Patria Galega, aínda que polo que se vai vendo, a reunión que espera ós nacionalistas este ano, con ese conflicto entre os distintos sectores da dirección, non vai ser moito máis tranquila. Tampouco me refería á ofrenda institucional ó Apóstolo que terá lugar na catedral, por moito que esta que comentamos sexa tamén unha ofrenda ó Apóstolo. Falaba de Haití, onde, no norde do país, celébrase anualmente, na mesma data, un estraño ritual que mestura Xacobeo e superstición, cunha naturalidade que fai pensar se entre as dúas cousas non haberá algunha relación que non se percibe a simple vista. A cousa pode valorarse estes días no Museo das Peregrinacións de Santiago, onde se abriu a semana pasada unha exposición fotográfica de Cristina García Rodero titulada «A peregrinación de Santiago en Haití». Santiago Apóstolo figura de maneira prominente no panteón haitiano, baixo o nome de Ogou Féray «O deus ferreiro». Para desgusto do Cabido compostelán, que fixo un intento falido de desarmar ó discípulo de Cristo hai unhas semanas, o símbolo deste Santiago haitiano é tamén o sabre. Foi esta iconografía a que fixo que os líderes da independencia haitiana o adoitasen como santo protector (as súas cores, negro e vermello, están na bandeira nacional). Pero en Haití, Santiago Apóstolo non reside nunha tumba senón nunha lagoa, e alí honrano estes outros peregrinos, nun ritual enlouquecido a medio camiño entre o bautismo e a morte por inmersión. Isto é o que se ve nas magníficas e arrepiantes fotografías de Cristina: ollos en branco, éxtase místico, confusión, alegría desbordada, sangue, coitelos... En fin, aínda que se unha cousa está clara do vudú é que non funciona (non hai máis que ver como están os países onde se practica), Anxo Quintana faría ben en visitar a exposición e documentarse por se acaso, porque parece que a el tamén lle están facendo un vudú estes días no seo da súa organización