NON SON SÓ volumes xerados mecanicamente ou a man sobre materiais, ou calquera outra consideración de formas plásticas. Todas as cousas materiais e inmateriais comportan formas. O pensamento é unha forma e é por ela polo que sabemos da súa presencia. O pensamento maniféstase ao través dunha forma, da súa forma, dende un discurso filosófico, unha idea musical, unha proxección plástica, unha forma política, un comportamento moral, unha forma de administración, unha forma de engañar e mentir... As formas son o medio de comunicación das ideas, o complemento da substancia. As formas que non teñen raíces nótaselles que foron enxendradas por xeneración espóntanea, en apariencia, craro, pois de algunha maneira as ideas, por moi abstractas que queiran ser, recollen algo dos eidos e das circunstancias polas que pasaron. Toda este especie, que pode ser filosofía de almanaque , ven a conto porque cando se fala dun taller ou dun laboratorio nos que se estudan as formas moita xente quere saber e ver como se fan esas formas, se con máquina ou a man, como son..., sen decatarse que esas formas poden ser dunha natureza que non se ve nun taller ou nun laboratorio, senón que estos poden ser centros onde se elaboren ideas para crear ou recuperar outras cousas que non teñen representación material neles. En canto á persistencia das formas dun sitio a outro, dun tempo a outro tempo é notorio pois as formas, como as especies, resístense a desaparecer como tales. As formas do franquismo, que durou coarenta anos, é lóxico que aínda non desaparecesen, aínda que se quiten letreiros e algunha estatua ecuestre, pois as formas máis persistentes andan por outros comportamentos humanos. Ás veces os restauradores recuperan algúns elementos, pero as formas que poden agacharse, incruso no seu mesmo comportamento profesional e humano, poden non lle deixar ver onde seguen persistindo. Moito fica intacto. Xa se sabe que todas as situacións históricas foron sempre parecidas. Mais nós temos unha obriga histórica de defender o noso. Galiza foi a rexión ibérica máis abandoada e expoliada polos rexímenes anteriores e a forma das feridas que deixou é ben notoria para algúns. Estarei sempre facendo votos por que as institucións responsables nestes eidos teñan esta mesma preocupación. Salvo unha presa de cidadáns que coñezo, que padecen esta preocupación, en xeral segue habendo moito silenzo cómplice, dos que pechan os ollos á nosa realidade porque eles teñen resolto o seu problema personal. É precisamente no estudo e análise destas formas polo que temos que traballar arreo nos nosos obradoiros. É certo que os problemas que se aveciñan a nivel internacional poden deixar escurecidos aos nosos, cando para soster esta opulenta tolería que estamos a vivir diariamente atravesan os mares e os oleoductos cinco millóns de toneladas de petróleo, e China vai demandar moito máis. Mais pode haber unha corrección a tempo dos responsables desta situación. Polo si ou polo non, o noso deber é administrar mellor o noso.