O corazón

|MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

¡QUE FANTÁSTICA e longa historia a desta víscera! Interpretado, no albor da civilización, como o motor da vida, un pequeno deus movendo a circulación e levando o sangue e o movemento ás extremidades, demostra que a tecnoloxía subxace xa no pensamento primitivo. Mais o modo de pensar técnico sempre estivo enfrontado ao misticismo relixioso. Segundo este, no corazón está simbolizada a alma, o amor, os sentimentos, e desta crenza procede o canibalismo relixioso. O acto supremo de vinganza consistía en arrincarlle o corazón ao culpábel e xantalo en familia, conseguindo a completa reparación do mal, o acabamento do fetiche. O corazón como alegoría, como talismán, aparece na imaxinería da relixión católica. Xesús representado a corazón aberto e o fervor dos crentes abríndolle tamén o corazón. «¡Vida de mi amor, ábreme la herida de tu corazón!», «Jesusito de mi vida... te doy mi corazón» , rezos, cánticos. Intercambios de víscera e de amor. A Virxe dorosa coas espadas espetadas no corazón. Dor, sentimento, transmitido á linguaxe poética: roubar o corazón, romper o corazón. Nome tamén das revistas onde se difunden as relacións sentimentais do persoal de moda. Víscera depositaria da verdade, «coa man no corazón», ou da bondade, «ten un corazón que non lle cabe no peito». Demasiadas interpretacións para un órgano corporal. Diríase que na sociedade tecnolóxica actual, o corazón debeu perder a maxia primitiva. Hai anos que a cirurxía realiza transplantes deste órgano, desprovisto de calquera valor simbólico. Un pai admite o corazón da filla, falecida en accidente, sen ningún prexuízo. A humanidade do século XXI defínese pola revolución dixital, Internet, a clonación, a realidade virtual. Iso parece, pero chega a alucinante noticia do enterro do corazón, extraído do cadáver dun neniño, fillo de Luis XVI e María Antonieta, cando a revolución francesa. Unha ceremonia ancestral protagonizada por residuos dunha institución tamén atávica. O pensamento primitivo convive coa cibercultura.