XA SE VE que a nosa xentiña non naceu para mandar senón para a submisión. E para o laio. Unha cousa é que teñamos toda a razón no recente caso do Talgo -¿alguén imaxina a vascos e cataláns máis dun ano sen tren?- e outra que só nos reviremos con laios, por máis que estean xustificados. ¿A tan pouco se reduce a nosa forza? O caso do Talgo ilustra ben a nosa precariedade política, en comparanza coa que se adoita noutras nacionalidades, nunca submisas, sempre esixentes nos seus dereitos, nunca a pedir migallas coa nosa docilidade mendicante. Pero os nosos políticos prefiren ser submisos baixo a tutela dos seus amos. Producimos tamén cidadáns (máis ben serán súbditos, que ser cidadán é outra cousa) que consenten a ineptitude dos políticos que temos e que nunca axudaron a levar á xente unha idea da non submisión que calle entre nós e como propia a teña o común. Non ven que só así poderemos ser alguén, só así deixaremos de ser uns tutelados, só así seremos un país.