REBÉLOME UN POUCO contra esta difamación da chuvia que fan os malhumorados, que parece que lle botan as culpas de todo. Desde as vacacións estragadas ata a abstención nas eleccións, á chuvia dáselle esta mala fama de augafestas, cando en realidade, como ben dicía Xosé Manuel Beiras unha vez, «cando chove non fai mal tempo, cando chove, chove». Todos temos estado en moitos actos deslucidos polo calor, pero esa é unha ideoloxía que non prosperou, e á chuvia, que non é máis que auga que cae do ceo, seguímola a ver como a anomalía que non é. Significativamente, os nenos, que están en teoría máis próximos á inocencia, son os que profesan a ideoloxía da auga, e moitas veces o fan con paixón, pisando nas pozas e dando voltas cos brazos abertos debaixo das pingueiras que caen dos canalóns na rúa; pero logo, ó iren medrando, van perdendo esta querencia acuática. Medrar, dalgunha forma, é deshidratarse, e avellentar quizais sexa secarse, como o olmo sobre o que versificaba Machado. En definitiva, vexo que debo ser o único, pero a min, máis lector que espectador, gustoume esa estampa melancólica da noiva sorrindo detrás do cristal blindado, saudando coa man por detrás dunha transparente cortiña de auga, como nun conto fantasmagórico de Hoffman. Refírome, claro está, á voda real. E tamén me gustou que comparecesen no ceo de Madrid os lóstregos e os tronos, que rebumbiaban con tal forza dentro da igrexa que, por un momento, Rouco Varela pareceume máis ben un sacerdote do deus escandinavo Thor que un empregado do Papa de Roma. Así as cousas, non é estraño que non soase a Marcha nupcial de Wagner, porque xa soaba sobre as nosas cabezas a triloxía completa do Ouro do Rhin ; e os votos do matrimonio, pronunciados nese contexto primitivo das forzas da natureza desatadas, semellaban unha desas escenas tremendas das novelas de Walter Scott nas que todos os xuramentos van acompañados de aparato eléctrico. Pero eu, que son de Lugo, e vivín en Santiago, e conto a miña vida non por anos senón por paraugas, non milito nesta pluviofobia, e celebro a auga cando me toca, igual que me tocaba estar o sábado en Madrid reclamado pola forma de goberno que máis respecto, que é a amizade. Alí, metín os zapatos nas pozas, e deixei que a auga me esvarase pola cabeza sen incomodarme nin irritarme porque, como digo, a auga en si non ten nada de malo, hai que deixala que siga o seu curso, que escolla un río e que vaia dar ó océano ou ó mar que máis lle guste.