NON É FÁCIL sentarse diante da realidade. Hai poucos días, nun Congreso de Educadores que se celebrou en Santiago (700 profesores de toda España e algúns estranxeiros), tivemos ocasión de falar da relación non sempre cómoda entre os medios de comunicación de masas e a escola; e unha profesora facíame a pregunta moi directa: «¿Como loitar contra a televisión?». A resposta non é doada porque, na miña opinión, parte dun principio errado. Efectivamente, hai moita xente, pais e educadores sobre todo, que consideran a televisión, e en xeral os medios de comunicación de masas, como agresores, inimigos ou desestabilizadores do proceso educativo e dos valores establecidos (os valores tradicionais). Pasa un pouco tamén cos políticos, cando fan responsables aos periódicos da súa incapacidade, dificultade ou fracaso para chegar á poboación e convencer ao electorado. Os medios non son espíritos puros, nin estructuras neutrais, pero tampouco forzas sobrenaturais que o transtornan ou reconfiguran todo ao servizo de intereses espúreos ou inconfesables. No seu conxunto, son espellos da realidade, que actúan sobre a sociedade nunha dobre dirección, informando do que acontece e formando opinión sobre os feitos, e tenden máis a reflectir o discurso dominante que a alteralo ou modificalo. Neste aspecto son bastante semellantes á escola: socializan sobre o denominador común. Outra cousa é que o denominador común nos guste. Se algunha cousa son, son conservadores. ¿Loitar contra a televisión? Eu formularíao doutro xeito: estudiar, criticar, comprender a televisión e, naturalmente, formar aos alumnos como telespectadores intelixentes, críticos, selectivos, non como consumidores pasivos. A televisión forma parte da vida. Non podemos poñerlle portas ao campo. Mañá, en Padrón, concédeselle o Pedrón de Ouro a Antía Cal, unha educadora. No panorama difícil do franquismo, nada gratificante, ben pouco estimulante abofé, Antía construíu en Vigo unha escola moderna, pioneira, distinta, na que se falaba destas cousas. A realidade está aquí. Hai que saber entendela, interpretala e posicionarse diante dela, con valores definidos, dotando ás novas xeracións de criterios, procedementos e destrezas capaces de entendela para, na medida do posible, mellorala. Pais, educadores e alumnos forman unha comunidade activa (interactiva). A escola é un espacio de coñecemento e de interpretación do mundo, sementeira de progreso e formación de homes e mulleres libres, o que quere dicir: modernos, dotados de recursos propios, instalados no seu tempo e no contexto no que lles toca vivir. Casada co oftalmólogo e intelectual Antón Beiras, autodidacta nun tempo onde non había a penas referentes, entrou en relación coas novas correntes do pensamento educativo na Unesco en 1955 (Xenebra e París), e puxo a andar en Vigo un colexio, o Rosalía de Castro, que non só formou a varias xeracións de cidadáns senón que se convertíu en espello desa nova escola, renovadora e distinta, que a Galicia moderna demandaba. Porque, a pesar de todo, esa Galicia moderna tamén existe, configurámola entre todos: a escola, os medios de comunicación e os intereses sociais no seu conxunto. A Galicia da esperanza. Pensei en Antía Cal cando a profesora aquela do congreso fixo a pregunta. Estou seguro de que, dende a práctica de tantos anos, ela sabería responderbastante mellor ca min.