SE A LINGUA galega fose só o que din os sociolingüistas, unha «lingua B minorizada aqueixada de diglose en proceso de desaparición mediante un proceso de aculturación», non sei se me animaría a escribila. Afortunadamente, non o é, ou non é fundamentalmente. É tamén a lingua de Rosalía, e de Cunqueiro, a do camareiro que me trae o café, a da miña nai, a miña, e a daquel corvo que había nun bar de Belvís ao que lle aprenderan a dicir «quero tortilla». Creo que este é o perigo de problematizar excesivamente as cousas: que un acaba aplazando o disfrute desas cousas ata que os problemas se resolvan. E o que un percibe a forza de vivir é que os problemas non se resolven, túrnanse. Esta é a miña humilde reflexión para este (o de onte) Día das Letras Galegas. O temor a que unha lingua desapareza é como o temor á morte: é o medo anticipado a algo que sucederá igualmente (aínda que tamén se podería argumentar que a estatística apoia a posibilidade de que sexamos inmortais: de toda a xente que existiu na Historia, unha boa porcentaxe non morremos aínda). O galego desaparecerá, sen dúbida. O español tamén, e tamén o inglés. As linguas son organismos vivos e polo tanto están xa programados para extinguirse. Pero co temor á morte dunha lingua pasa como co temor á nosa propia morte: que pode acabar converténdose nunha obsesión que nos impida gozar do que non é morte e que precede á morte, que é a vida. A lingua galega está aquí, e está ben viva mil anos despois de impórse á que había antes e que tamén morreu. Pode ter problemas de estatus e de saúde (tamén os teñen os que a falan) pero non hai que contemplala a cada paso como se contempla a un doente agonizante. Pódese promover máis, pódese divulgar mellor, pero non debemos confundir o idioma coa sociolingüística. Por iso, precisamente Cunqueiro, con moita sensibilidade, pedía para o galego só «mil primaveras máis». Eran as que tivera antes ca el. Pero para min, na frase, o importante non é o número de anos, senón a cuestión das primaveras . Coas linguas, como coas persoas, non se debe aspirar á inmortalidade, que é unha aspiración que non conduce máis que á melancolía. Ao que hai que aspirar é á calidade de vida, o que antes se chamaba felicidade. Disfrutemos do que temos e non nos magoemos tanto, non sexa que lle suceda ao galego o que lles sucede aos doentes de verdade: que cando se lles ofrece unha e outra vez a Extrema Unción, acaban morrendo de verdade.