UN LECTOR convérteme inesperadamente nun cabaleiro defensor da Igrexa cando me escribe para criticarme o meu artigo sobre Santiago Matamoros. E dicir, que me critica que eu aprobara a decisión do Cabido de retirar esa talla da catedral. O lector dime que isto é tanto como claudicar ante Bin Laden e, quero supoñer que retóricamente, pregúntame a min onde están «as campás da catedral que nos roubaron os moros ». Eu non lle sei onde estarán as campás ou, mellor dito, non sei onde estarían se as tivesen levado os moros , porque todo ese asunto é unha lenda, como o Matamoros e a batalla de Clavijo, que non existiu (nin a batalla ni o sitio). Este era, precisamente, o meu argumento: Como non houbo batalla nin Santiago estivo nela, telo aí era como publicar unha fotografía trucada, como, por exemplo, aquela das tropas soviéticas subidas ó Reichstag en 1945, que é unha instantánea que está en todos os libros pero que é falsa. O mesmo día escribíame tamén o historiador Marcos Valcárcel, lembrándome moi atinadamente que este Santiago Matamoros pasara logo a América, onde non mataba moros senón minorías indíxenas, e así se pode ver en moitas igrexas do continente. No colmo da versatilidade, a Santiago chegaron a invocalo os independentistas deses países logo, que o representaron matando españois. É dicir, que este Santiago tivo, ó longo dos séculos, unha traxectoria iconográfica máis próxima á do Capitán Trueno que á dun discípulo de Cristo e acabou incluso cambiando de bando. Ese era o meu argumento, digo. O que pasa é que o lector indignado debeume ler un pouco ás presas, porque pensou que eu non só estaba de acordo co Cabido, o cal é certo, senón que o estaba polas mesmas razóns que o Cabido, o cal non o é. Como se sabe, o Cabido licenciou a talla (a expresión paréceme a máis axeitada, tratándose dun apóstolo alistado na cabaleiría) para que non ofendese a persoas doutras razas e relixións, e a min, efectivamente, este argumento paréceme feble, porque, levandoo ás últimas consecuencias, boa parte do arte sacro ía acabar pechado nun soto. Pero xa que me converteron nun San Miguel defensor da Fe direi que feble si, pero polo menos benintencionado. E aínda que se diga repetidamente que de boas intencións está empedrado o inferno, mellor que estea empedrado a que o teñan todo cheo de baches. mmurado@yahoo.com