PÍDENOS O Pentágono que creamos que as torturas ós prisioneiros de Iraq son só obra dunha minoría. Acéptoo sen problema, sempre o son. A tortura é cousa de minorías e mesmo nos reximes máis tiránicos esta función recae só nuns poucos escollidos. Non é necesario máis. Témome que niso nada hai de distinto entre estas torturas e as do rexime de Sadam que o exército norteamericano derrocou. Tamén os comportamentos nobres en tempo de guerra son obra dunha minoría, aínda que aquí se nos pida o contrario: que os xeneralicemos canto poidamos. O soldado que regala a súa ración de rancho a un civil famento, o que salva a un inimigo ferido con risco da súa propia vida. Non son comportamentos frecuentes, tamén están reservados a uns poucos. Creo que isto é o que máis me escandaliza deste escándalo das torturas: non o escándalo en si senón a sorpresa que provoca. Estados Unidos é unha sociedade democrática, na que a lei e a xustiza son moito máis respectadas que, digamos, no Iraq de Sadam. Pero os homes e mulleres que forman parte desas sociedades conteñen, cada un deles, unha media de crueldade e nobreza que non é moi distinta da de calquera iraquí ou portugués ou chinés. Son eu dos que cren que a sociedade avanza, mellora; pero non o individuo, condenado a razoar cunha mente deseñada pola Evolución simplemente para sobrevivir nun mundo que o ameazaba de extinción todos os días. Chamamos inhumanos a eses impulsos destructores, cando en realidade o que son é demasiado humanos. O único que pode facer a sociedade é limitalos mediante a lei e, aínda así, abonda un intre de descoido para que ese demo que levamos dentro se apodere de nós. A tiranía consiste en grande parte en rentabilizar ese demo para ben do Estado, a democracia en controlalo para ben da Sociedade. Estados Unidos é unha democracia, pero a guerra non. Por iso é importante pensalo ben antes de ceibar o que Shakespeare chamou «os cans da guerra». Esa rapaza-soldado que aparece na fotografía paseando dunha correa a un prisioneiro iraquí coma se fora un animal non é o producto dunha anomalía, é a guerra. Porque a guerra mesma non é senón tortura: aterrorizar, ameazar, presionar ó contrario para que faga o que non quere. Por iso respeto o pacifismo, pero non creo nel, porque non creo na inocencia esencial do ser humano. Por iso, precisamente, detesto a guerra.