SEN DECATARSE quizais, o Cabido de Santiago vén de darlle o tiro de gracia (creo que debería revisar esta expresión, porque acabo de imaxinar algún dos coengos cunha pistola na man, e non me cadra), digo o tiro de gracia á guerra contra o Islam predicada polo presidente Bush. Refírome a ese anuncio repentino de que o Cabido vai retirar da catedral compostelá a talla de Santiago Matamoros , esa talla que, como se sabe, o representa empuñando a espada e humillando baixo os cascos do seu cabalo a un grupo de prisioneiros de guerra mahometanos, como eses prisioneiros de guerra iraquís que vemos estes días nos papeis. A verdade é que levan razón os responsables eclesiásticos cando din que esta imaxe non representaba moi ben o sentido que se lle quere dar hoxe ó culto xacobeo, que é ante todo un culto ó sendeirismo e a levarse ben cos estranxeiros. Facía raro, certamente, ver un pescador do lago Tiberíades cun emprego de oficial da arma de cabaleiría, encabezando unha carga contra as liñas sarracenas. Todo viña da lenda da batalla de Clavijo, na que se contaba que o santo tomara as armas inesperadamente. Hoxe sabemos que non existiu tal batalla de Clavijo, así que está ben retirar a talla, que é como unha foto falsa, unhas desas montaxes que circulan por Internet. Pero, como digo, os coengos composteláns están enviando unha sutil mensaxe sen querelo. Porque Santiago Matamoros , ó galope sobre o seu cabalo indiscutiblemente branco, era o comandante en xefe da última gran guerra contra o que entón tamén pensaban que era o terrorismo islamista. Aquel Santiago Matamoros era, por dicilo dalgunha maneira, o George Bush da época, salvando as distancias canto a santidade e grao de relación directa con Cristo. Aquel Santiago, como este George, estaba convencido de que abondaba con gañar unha batalla para resolver o problema. Gañouna, valéndose mesmo dun milagre (un recurso do que Bush non dispón sequera), e non serviu de nada: a Reconquista aínda durou uns centos de anos máis. E só para que agora, xustamente en nome da convivencia, o Matamoros teña que abandonar discretamente a nave da súa propia catedral e deixarlle o seu lugar a outra imaxe de si mesmo: a do apóstolo palestino que chegou ás costas de Galicia nunha patera de pedra, víctima da persecución política do seu tempo. mmurado@yahoo.com