O ECOLOXISMO RADICAL é un bo exemplo de que as boas intencións e as boas ideas non son o mesmo, de que as causas nobres non sempre teñen efectos nobres. E aí temos o desastre desta semana en Carral. Xa saben: os activistas querían salvar do triste destino de morte e manufactura que esperaba a varios milleiros de visóns nunha granxa e armaron unha especie de fuga de Segovia que acabou coa morte de centos dos bichos e acabou tamén coa paciencia dos milleiros de veciños a quen lles fixeron literalmente a pascua nesta fin de semana de Pascua, e que, no canto de pasala metidos nun atasco como o todo o mundo, a pasaron á caza do visón, algo que en Inglaterra ó mellor podía acabar en deporte pero que no val de Barcia non pasa da categoría de incordio. Agora hai que esperar a ver que sucede cos centos de visóns que aínda andan fugados, como Foucellas, por eses bosques que fixo célebres Wenceslao F. Flórez: se, como cre o alcalde de Cambre, os visóns se entregarán voluntariamente cando veña a fame, ou se, polo contrario, se adaptarán e escribirán así o epílogo de El bosque animado . Veremos. Eu teño que recoñecer que é un animal que sempre lle tiven algo de antipatía, o visón. Un tanto absurdamente, o recoñezo, sempre me pareceu un animaliño da dereita franquista. Primeiro, polo seu xesto, e logo porque vestía de visón. Pois isto é o que pretenden os ecoloxistas radicais: que ninguén vista de visón máis que os propios visóns, e un pode entender este argumento. Son os que pensan que o home non só é un lobo para o home, senón tamén un lobo para o lobo, neste caso para o visón. E aí non lles falta razón. Pero o problema é que aquí o único que se logrou foi acelerar a morte de varios centos dos bichos e poñer en perigo o ecosistema da zona. Os animais que se perderon serán, con certeza, substituídos por outros, co que o total de visóns sacrificados acabará sendo aínda maior. Isto, naturalmente, sabíano os organizadores da fuga (condeada polas outras organizacións ecoloxistas, por certo). Tratábase dunha cuestión propagandística. Pero, ¿pagaba a pena?: agora posiblemente diminuirán os partidarios dos dereitos do visón entre a xente e non é probable que aumenten entre os visóns. E é que cando un se dedica á liberación animal pasa o mesmo que cando un se dedica á liberación de Iraq: hai que pensar no que se fai, e para qué.