PARECE claro que non debemos deixar que o terrorismo modifique os hábitos da vida cotiá. Eu mesma insistín nesta máxima ós alumnos das universidades americanas en setembro do 2001: hai que seguir collendo avións e trens e facendo a mesma vida que faciamos. Pero hai algo moi difícil de evitar porque está máis aló da vontade e da razón: a desconfianza. Cando un etarra, facéndose pasar por estudiante, asasinou ó catedrático Tomás y Valiente no seu despacho no horario de recepción de alumnos, todos os profesores pensamos: iso puido pasarme a min. E moitos sentimos un movemento espontáneo de receo ante os rapaces descoñecidos que aparecían polo despacho. Agora a desconfianza é racial. Algúns dos terroristas de Atocha eran xente coñecida en Leganés, cun negocio no barrio, algúns deles con moitos anos de permanencia neste país que os acolleu e lles deu un traballo. O sentimento de que fomos demasiado confiados é difícil de evitar, sobre todo cando expertos no tema do terrorismo islamista recomendan extremar as precaucións. Acabo de ler unha entrevista a Rohan Gunaratna, unha das persoas que máis sabe do tema, asesor da ONU, consultor de diversos gobernos e analista de prestixiosos periódicos. Di que hai dous equipos no terrorismo de Al Qaida: os fanáticos, que son carne de cañón e teñen pouca importancia, e a elite, os chamados takfirs , xente moi entrenada que son ós que hai que evitar. Di textualmente: «Poden mezclarse tranquilamente cos infieles, poden mesmo tomar un whisky contigo ou ir a un topless , pero non te fíes...». A nivel estatal esa recomendación significa un control policial sobre persoas e actividades que nos afectará a todos, pero que quizáis nestes momentos sexa necesario. A nivel persoal só lle vexo aspectos negativos. Oxalá sexamos capaces de superar esa desconfianza e pensar que o alumno descoñecido e o veciño musulmán non teñen máis posibilidades de ser un asasino das que ten o veciño español que rifa polas noites coa súa muller.