XOSÉ CARLOS CANEIRO
07 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Declaracións de Roberto Carlos no remate do Mónaco-Real Madrid: «Tantos partidos, tantos viajes, tanta presión, tanta responsabilidad... y eso al final se nota». «Bienvenidos a la tierra», titulaba o AS. Oh, pobres galácticos. Nunca escoitei a un operario da construcción unha reflexión tan aguda. Eles, que xogan o partido da súa vida cada xornada: nun andamio, corpo a corpo co ladrillo, currando de sol a sol para sobrevivir. Pobres galácticos. Son víctimas da sociedade que os maltrata, dos directivos que os explotan, do sistema que os trata con oprobio e sen misericordia. Víctimas do intelectualismo de lata de Valdano (ese Sócrates hueco como un kinder sorpresa) e dos forofos que acudimos ao fútbol para gozar, enardecernos, emocionarnos. Víctimas da sutil melancolía dun Cartier de ouro, cochazo, chalet multimillonario e exclusivas chaquetas de pel insólita. Pobres. Están tan presionados que en calquera momento poden caer no pozo da falta de estima, da enfermidade psíquica irrecuperable, da senil demencia anticipada. A soberbia acabou con Julio César, con Napoleón, con Alejandro Magno e con Aznar. A humildade segue a ser un curso que non se imparte nas galaxias. Bienvenidos a la tierra, muchachos.