CHEGA aos nosos cines, cargada de publicidade, unha película brutal que mostra a violencia da Paixón de Cristo. Diríase que, ante a inmolación suicida dos fedaín ou dos crentes islámicos, dereitiños ao paraíso, as flaxelacións públicas de fieis en procesións, a carnicería que están provocando coa súa guerra santa, enarbolando restos de mortos infieis como trofeos..., o cristianismo non quixera ser menos e pretendera demostrar na gran pantalla que non superou o fervor inmolador das culturas tribais nin o sado-masoquismo que anima ás relixións. A Igrexa occidental quere probar que a crueldade ten un significado grandioso e sublime e que o paraíso cristián reclama tanto sangue e tanta tortura coma o islámico Dicía Bakunin que todas as relixións son crueis e se fundan no sangue. O ritual relixioso consiste nun derramamento público de sangue: torturar, matar, beber o sangue e comer o corpo do sacrificado. A ara, o altar, é un matadeiro onde se leva a cabo o sacrificio sacro, ou sexa a morte sagrada. O cristianismo, seguindo padróns máis civilizados, simbolizou o rito sanguinario e, no sacrificio da misa, converten, prodixiosamente, o pan en corpo de Cristo e o viño no seu sangue; ademais, nos últimos tempos, a través da voz do Papa, a Igrexa decidírase a favor da compaixón humana e adoptara posturas pacifistas. Non se comprende esta volta ao fundamentalismo. Comprobamos a mesma regresión no actual goberno dos EE. UU. A súa tradición era cívica laica. Procuraron que no goberno non primase o divino ou misterioso sobre as ciencias e as artes. Pero a medida que se facía imperialista foise incrementando o fervor relixioso, integrando a protección divina ou a adoración da bandeira como símbolos patrióticos. De feito, até 1950 non incluíron a palabra Deus nas moedas ou na xura de bandeira. Con Busch volven ao Antigo Testamento e renovan a violencia do sagrado. Mel Gibson móstraa ferozmente, mentres, no cine, numerosos sacerdotes instruen a súa grei. Medo.