Vigo e o Marco

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

ESTE CENTRO de arte que dirixe con saber e amor a Galiza Carlota Álvarez Basso coido que representa un gromo, no que vai unha historia contemporánea, relativamente recente, que se foi desenvolvendo á beira do mar que cantaron Martín Códax e Mendiño. Esa exposición que remata de inaugurar sobre a creación do necesario, no proxecto investigador de María Luisa Sobrino, é algo máis que unha mostra de deseño gráfico e industrial do século XX. Trátase máis ben dunha recollida de materiaes para estudar, inventariar e chamar a atención do que se ten feito nese tempo dunha forma conscente, e tamén inconscente, que hoxe enténdese por deseño, referido ao que se fixo acó, neste eido ou desde este eido, e esto vai ser unha lección de historia que pode facer reflexionar a máis de un por onde teñen que ir as cousas. Os autores de moitos dos materiaes que se expoñen non sabrían que estaban facendo deseño, senón que facían o necesario, como intelixentemente titula este traballo María Luisa Sobrino. O deseño -proxectar para reproducir en serie- ten varias etapas e momentos contradictorios. A muiñeira, sistema automático pra alimentar o grao na producción de fariña, é un elemento deseñado que xa funcionaba na alta edade media. Pode decirse que o deseño industrial tal como hoxe o concebemos parte da revolución industrial no século XVIII na Gran Bretaña, o que, por certo, xenerou un gran rechazo nas crases traballadoras temendo verse sustituidas polas máquinas, o que levou a actos de violencia contra elas por as brigadas luditas. O grabado e a litografía ven ser un traballo de reproducción en serie e nel traballaban grandes artistas, como Rembrant ou Goya, sen pensar que gardadas as planchas ían perder o seu valor de pezas únicas. Esto o corrixe, ou dulcifica, na segunda metade do século XX Volar coa serie do Minotauro, e dende entón as reproduccións de grabados, litografías, estarcidos... xustifícase co número de tirada e a firma do artista. Os escultores viron asimesmo a posibilidade de reproducción dun mesmo orixinal a partir do seu molde, xustificándoa como se facía coa obra gráfica. Polos anos 60/70 comercialízanse estas produccións coa denominación de «múltiples», que hoxe foi desaparecendo. Sen metérmonos polos varios camiños polos que se foi achegando o deseño até que o atrapou a sociedade de consumo, o deseño moderno que anda polo mundo, moito de el da man da arquitectura, máis que un procedemento é un estilo do que non foi posible fuxir, no que domina a función e o minimalismo, digo en xeral. Rematada a Guerra Civil, a Vigo, que xa tiña unha tradición eclépctica importante na arquitectura, viñeron como escapando da persecución do franquismo xentes como Valentín Paz-Andrade, Fernández del Riego, Maside, Laxeiro, Lugrís, Mario Fernández Granell, e alí se atoparon con Gómez Román, os irmaos Álvarez Blázquez... acreedores dunha doorosa historia. Este grupo, discretamente, representaba o que ficara da conciencia de Galiza na metrópoli da desfeita do 36. Esto sería o que nos levaría a preguntármonos (porque Carlota ven desta estirpe) por onde ten que ir a configuración do que se faga en Galiza dentro da nosa tradición para se proxectar no futuro, pois todas as linguaxes que non morreron nasceron nunha terra, o eido que buscan os filólogos pra purificar as linguaxes.