O antiterrorismo como sistema

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

O PAÍS padeceu unha manifestación máis de terror, parece ser que producido por algunhas organizacións ou grupos illados de tendencias islámicas. Isto aínda non ficou claro. Os antiterroristas, sen outras ideas, non agardaron ren a facer o seu traballo. Aínda que as cousas neste mundo, e tampouco no outro, non teñen solución, non queda ben estar calado ante tantas atrocidades duns homes contra outros. Non digo que este sexa un mal do noso tempo, aínda que o certo é que o terrorismo do noso tempo vai parello á altura dos coñecementos científicos e técnicos, e témese que por este camiño estamos só empezando. Recordemos que unha sola e anticuada bomba atómica causou en Hiroshima 150.000 mortos, e non é imposible que certas organizacións, ás que logo chamamos terroristas, cheguen a poseer estes artefactos. O atentado de Atocha, o 11-M, deixou máis de 200 mortos, e no 11-S houbo máis de 3.000 víctimas. Pola banda contraria, a intervención anglo-ianqui en Iraq leva matado a máis de 10.000 iraquíes -en cifras calculadas aínda sen confirmar-, e esto, penso, é o que non se debía facer se houbese intención de acabar co terrorismo. Así semella que algúns que din opoñerse ao terrorismo, este sírvelles de coartada como un complemento para xustificar medidas represivas que agachan certos negocios. Deica agora as palabras que se acercan máis á etioloxía do problema terrorista coñecémolas en manifestacións dos xefes de Francia e Alemania: «... hai que combater o terrorismo e as razóns que o alimentan». Se non fora o drama que é, eu diría que é unha verdadeira parvada tentar eliminar o terrorismo a base só de matar ou encadear terroristas, cando, ademais, estamos vendo que o que menos lles importa é morrer, cando son eles mesmos os que se autoinmolan para combater o mundo ao que consideran responsable da súa marxinación e da súa miseria coa expoliación dos seus recursos, en lugar de civilizar. Non temos ren contra os pobos norteamericano e inglés, pero esa camarilla de delincuentes de colo duro que se apoderaron do poder dese Estado e da vontade dunha parte importante dese pobo para utilizar a súa forza material para asoballar a outros pobos e roubarlles os seus recursos, como o están facendo con Iraq... Se isto é así, ¿cómo poderiamos combater o terrorismo se non lle paramos os pés por convicción aos ianquis que son eles quen provocan e incrementan o terrorismo? Non hai que firmar pactos antiterroristas, senón percurar acordos para combater as causas inxustas e a miseria que alimenta o terrorismo, e non dar esmolas, senón facer aos pobos autosuficientes percurando asentalos nas súas terras coas súas culturas. Hai que facer votos por que ninguén ataque, moral ou materialmente, á comunidade musulmana que vive con nós na Península. Aínda que eles estean divididos en moitas sectas, fican unidos por un subconsciente colectivo, e non nos perdonarían que se tomasen medidas arbitrarias contra algún deles.