A Galicia esmolante e a outra

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

AS IDENTIDADES son complexas. Todas. Non hai identidades simples. Hai unha Galicia empeñada en presentarse como pobre, atrasada e fatalista que, convencida de que non hai mal que por ben non veña, felicítase porque a desgracia do Prestige acabou sendo unha benzón que trouxo o Plan Galiza, e outra que non. Millor dito, que si, que nos puxo no mapa político e reclamou que máis nunca nos trouxeran abenzóns á maneira. Temos o país dos que queren seguir sendo rexión desfavorecida da UE ata a eternidade, o dos que prefiren considerar que Galicia necesita de España porque é pobre máis que porque sexa posibel un marco de convivencia adecuado. Hai outro país que aspira á autonomía financeira para ter un millor autogoberno e non acepta unha relación dependente e subordinada do Estado coa que ir tirando a ver que cae. Hai o país de viña, pensión dos vellos e fillo enchufado na Deputación e outro de Zara, Zeltia e Florentino. Un de percebeiros e outro de mexilloeiros. Está a Galicia dos que cren que os portos e autoestradas son regalías do ministro de Fomento, a quen debemos estar agradecidos por educación e ata regalarlle un xamón. A mesma que pasou vinte anos máis preocupada polos atascos da M-30 que polos de Fene. Hai outra que reclama que o Noroeste peninsular non siga quedando fóra duns investimentos que só o Estado pode xestionar. Unha que quere ir da Coruña a Madrid en cinco horas e outra que tamén quere chegar no mesmo tempo a Irún, camiño de Bruxelas. A dos que, en vez de traerse a Maragall, traen a Bono e a Ibarra para contarnos o malo que é o nacionalismo e ofrecernos unha solidaridade que ninguén lles pide. Acabarán recadando fondos para construirnos prazas de touros en Vigo e Ourense. Os galegos non tememos ao RH nin ás herexías, Prisciliano mediante. Podemos ser multidentitarios sen deixarmos de ser galegos. Aínda que nunca tanto como Rajoy, empeñado en convencernos, nestas páxinas, de ser do Pontevedra, do Celta, do Deportivo, do Madrid e do Barça ¿Daquela por que se presentará por Madrid e non por Pontevedra? Están os galegos coma ti e está Ana Pastor, que xa nas primeiras declaracións como ministra quixo deixar ben claro que non era galega senón zamorana. Ten miga. Repíteo sempre que pode e non entendo esa teima, sobre todo porque pide o noso voto, non o dos seus paisanos. Aprecio a fidelidade á orixe pero cheira mal o empeño en que non a confundan con galega. Montilla, o secretario do PSC, é cordobés, pero non lle importa que o tomen por catalán ¡Faltaría res ! A Galicia de Ana Pastor seguro que non é a mesma que a do vasco Gallástegui ou a do catalán Rof Codina, nin a do meu colega Beramendi, a de Marilar Aleixandre ou C. Pajares, madrileños de nación, ou a de tantos que están orgullosos das súas orixes pero non toman a mal ser confundidos con galegos. Que teremos para que Ana Pastor non queira ser coma nós ¿Será polo carácter ou será pola fama?