ALGUNHAS tardes como esta, en medio do inverno, penso no tempo perdido. Nos ollos roubados, nas mans que acariciaban as miñas, a chuvia, o pano da avoa envolvendo o seu pelo gris, tan limpo. Algunhas tardes como esta penso, triste, nas horas de fariña e cigarróns e máscaras. Entón, como un cataclismo, caen no meu corazón todas as cousas que quero. Falan do carnaval. Abrázome á súa cola, como cando era neno, deitándome de día e danzando entre comparsas de amor e risas. Abrázome como unha cometa, unha estrela, unha lúa verde que me come a alma. Intento non derrotarme. Porque son un imbécil. Porque o meu deber é arrancar o gozo da música e do delirio e, sen embargo, teño o estigma da nostalxia tiznando de gris a miña cara. Menos mal que quedas ti, Helenita, flor linda que me acompaña cada carnaval. Desculparás que escriba aquí o teu nome e que te coñezan as 600.000 persoas que len La Voz. Quedas ti, aínda que te vaias cada martes. Aínda que corra un ano para volver a bicar os teus dedos de plumas. Aínda que pase toda a vida botántote de menos. Helena, raíña do carnaval de Verín, pego por ti unha patada á tristeza. Coloco o meu disfraz de pallaso. Y te adoro. Te llames como te llames, reina mía.