O euro de Trillo

OPINIÓN

ÁNDAME na cabeza ese euro que o ministro de Defensa, o señor Trillo, lle guindou á xornalista que lle preguntaba polo mítico arsenal químico de Iraq. Trillo díxolle que esa moeda a levaba no peto para quen sacase a cuestión, deulla, e non respondeu. Xa o lerían vostedes. Trillo, que é un experto en Shakespeare (a súa tese de doutoramento foi Shakespeare e o poder ), incomodouse pola pregunta da rapaza, sen recoñecer aí unha cita shakespeariana. Ó mellor a xornalista pensaba nese personaxe do Cymbeline que di: «A miña conciencia obrígame a preguntar, Excelencia, ¿de onde saíron eses complexos velenosos?» ( poisonous compounds, que son as armas químicas das traxedias de entón). Pero o ministro incomodouse, digo, e optou polo que moitos considerarán unha actitude humillante e prepotente con esta rapaza que facía o seu traballo. Eu non. Este Trillo é un simpatichón, e ata pode verse como un xesto de amabilidade que lle ofreza este sobresoldo a unha xornalista, se é que pensa que estamos tan mal pagos. Pero pola mesma que nós cobramos por preguntar, el cobra precisamente por responder, e aí paréceme que o ministro non se está gañando o seu salario. Pero, en fin, haberá que conformarse con ese euro, que non parece moito para calar unha pregunta sobre un asunto que implicou tantas mortes e destruccións. Din que o silencio é ouro, pero a tarifa que lle pon Trillo é a mesma que o ratoncito Pérez lle pon ós dentes. Xa hai precedentes destes gastos pouco xenerosos do Ministerio de Defensa, que ten aí un problema, parece, cos precios das cousas. Así se explica o que pasou quizais (quizais) co tristemente célebre Yak-42, onde tería estado mellor investido ese euro que o señor Trillo malgasta connosco. Canto á resposta á pregunta que lle facía a rapaza, eu diría que o propio ministro debería ser o primeiro interesado. Repase, a este respecto, o seu exemplar de Enrique V, alí onde se di que, se a causa dunha guerra resulta non ser xusta, o gobernante que a iniciou «terá unhas pesadas contas que botar, cando todas esas pernas, brazos e cabezas cortadas na batalla se reúnan no Día do Xuízo Final». Pero dá a impresión de que Trillo, que ademais de erudito shakespeariano é costaleiro nunha confraría da Semana Santa, ben pode con isto na conciencia. Despois de todo, xa está afeito a cargar sobre os ombros a inocentes sacrificados inxustamente.