AO MEU AMIGO José Terceiro non lle gusta nada a expresión autoestradas da comunicación para definir a complexa e variada rede de telecomunicacións (Internet e os seus complementos) que caracterizan a Sociedade de Información e o Coñecemento. Prefire a imaxe galega das pistas rurais : tecido plural, ás veces labiríntico, que leva a todas partes e polos máis entrambilicados vieiros. Onte participei nunha nova experiencia en Brión. Promovida polo concello, en colaboración coa Universidade de Santiago, e financiada con fondos europeos, do Ministerio de Educación e da Xunta de Galicia, un grupo de veciños de distintos lugares do municipio (arredor de 6.700 habitantes) asistimos á presentación dun portal na web , InfoBrion.com, que pretende ser un primeiro achegamento á incorporación das novas tecnoloxías da comunicación no ámbito rural galego. Paisanos de noventa anos á par de mozos e mozas de instituto. Tres xeracións. A memoria da billarda sentada a carón da banda ancha e a música pop. Se algunha experanza temos (que a temos) ha de ir nesta dirección. O candidato Rajoy fala de incorporar activamente a sociedade española á nova Sociedade da Información nos próximos catro anos. Oito de cada dez usuarios con acceso á banda ancha (ADSL ou similares). Outro tanto prometen os candidatos da oposición. O Grupo R presentou en Compostela cifras importantes de penetración da fibra óptica nas cidades galegas nos tres últimos anos. O rural ten máis problemas. A dispersión da nosa poboación obriga a investimentos iniciais máis fortes ca noutras xeografías de hábitat concentrado e, por tanto, a unha política selectiva de recursos. Cando no seu día algúns expertos elaboramos o capítulo correspondente do Proxecto 2010 falamos disto: ou Galicia, no seu conxunto, se incorpora ás novas tecnoloxías (TIC) ou ficaremos fóra da espiral do progreso, que ten forzas contrarias, contrapostas. Se acertamos a situarnos ben neste novo horizonte (que xa é unha realidade) a inercia centrípeta arrastraranos cara ao interior do sistema, cara a centros de poder e iniciativa. Se nos descuidamos ou, simplemente, non establecemos ben as prioridades do proceso, a forza contraria (centrífuga) lanzaranos fóra do mesmo e ficaremos definitivamente nas periferias, quérese dicir: descolgados do proceso histórico que algúns veñen definindo como nova modernidade . Vivimos un tempo de encrucillada que ou se aproveita agora ou se perde para sempre. O mundo é unha grande aldea, anunciaba McLuhan en 1975. Pero con diferencias, que ás veces son xigantescas. Guillermo de la Dehesa vén de publicar un novo ensaio sobre a globalización, as oportunidades e os seus riscos (Alianza Editorial). Era interesante explicarlle aos paisanos que cun ordenador sinxelo (600 euros) e un teléfono, o camiño está aberto: memoria dos avós, documentos da comarca, cultura popular, posibilidade de conectarse con moita máis eficiencia e menos custo económico cos parientes máis distanciados (en calquera punto dos cinco continentes), pero sobre todo, futuro: acceso directo aos servicios municipais e institucionais de todo tipo, teleasistencia, teletraballo, educación permanente, posibilidade de negocio e comercio, iniciativa¿ Esté é o verdadeiro desafío: establecer unha primeira infraestructura eficaz, e non grabosa, que permita iniciar dende a base (dende a familia e a escola) a formación de novas xeracións non pasivas, senón activas, críticas, capaces de participar na nova realidade creando riqueza, potenciando o que somos para proxectalo no mundo, non como simples consumidores pasivos. Velaí o dilema.