MAL ASUNTO cando nin sequera sabemos como se chama o que queremos prohibir. Siguen dicíndolle velo , pero non é un velo. O que ven de prohibir o martes o Parlamento en Francia é que as estudiantes musulmanas leven o hiyyab, que en realidade é só un pano de cabeza. Un pano de cabeza, por exemplo, como o que levaba a miña avoa Aurelia. Ela, e todas as mulleres da Galicia e da España rural (e Francia) ata non hai moito. Velo, en cambio, era o que poñía algunhas veces a miña nai na misa. Era esa redeciña negra e semitransparente que cobría a cara. Usábana entón moitas mulleres, incluso crentes progresistas como a miña nai, e hoxe aínda a levan algunhas viúvas nos enterros para ocultar o rostro apesarado. Outras prefiren as gafas de sol, que cumpren a mesma función que o velo: velar. E tamén o fan os famosos, e os mafiosos e os policías, todos polo mesmo motivo. Certo que xa non se obriga a ninguén a levar velo, gafas ou pano na cabeza. Tampouco as obrigan a moitas desas rapazas árabes (as empañoladas , chamabamolas cando eu vivía en Xerusalén). Unha contoume que levaba o pano xusto porque llo prohibía o pai, un árabe liberal, de tantos que hai, pese ó que cren os que temen e descoñecen. O hiyyab é tamén moda, coquetería, e ata hai en Ramallah rapazas que o levan cos labios pintados. A vida é máis complexa do que pensan eses que temen e descoñecen. A moitas outras obríganas os pais, efectivamente. Eses pais tamén lles prohíben fumar, beber e levar a saia curta. Pero a lei francesa que prohíbe o hiyyab non obriga a levar minifalda Sería máis lóxico, se o que se quere combater é o puritanismo ou o control que os pais exercen sobre o roupeiro das fillas. Pero queremos conservar o noso puritanismo combatindo só o deles (Lémbrome das rapaciñas da Compañía de María, preto do meu colexio: recollían as saias canto podían para ir máis á moda. As monxas, os pais cristiáns, reñíanlles). Que o Islam é unha relixión intolerante é evidente. Como todas. Non pode ser doutra forma: son moi antigas. Tomadas ó pé da letra, son incompatibles co mundo moderno. Por iso evolucionan e a nosa relixión oficial é a Democracia. Pero, curiosamente, tamén a esta lle sucede o mesmo: que tomada ó pé da letra, e aplicada polos que temen e descoñecen, vólvese non menos intolerante que aquilo que pretende erradicar. E prohíbe, prohíbe, prohíbe... Como un pai musulmán ou cristián fanático. mmurado@yahoo.com