XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
11 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.EU LEMBRO a Jeanette, que cantaba unha canción imposible nestes tempos de pesebristas e tiralevitas: «Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así». Desta Janet, Jackson, non teño noticias dende a miña época de discjockey melancólico e insalubre. Janet amosou a teta e esta imaxe enerva a EE.UU. Aznar, the man, ten o deber ético de realizar algunha magna declaración ao respecto. Aznar salvará a moral española, perturbada tamén por tanta teta, e tanto destape, e tanto Urdaci, e tanta pornografía de baixa estofa. As tetas están perdendo valor e ideoloxía: calquera imbécil é portada de Intervíu e aparece como tertuliano en programas de elevada audiencia. A estupidez conquistou o mundo. O mundo, en si mesmo, é unha teta inmensa a punto de romperse en anacos fronte aos nosos ollos hipnotizados. A teta de Janet é a metáfora do século XXI: pura silicona, cosmética, márquetin. Se Leonardo Da Vinci levantase a cabeza pegaríase un tiro por ver o seu nome na portada dun libro infumable. E Neruda deixaría de escribir versos. Para qué. A única poesía que quere España aparece no Boletín Oficial del Estado. A min, melancólico e insalubre, quédame Jeanette (tan fráxil) cantando no meu oído unha canción imposible.