Letra e música

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

DICÍA ALGUÉN que non houbo nunca, na historia do xadrez, xogador algún que lograse pronunciar as palabras «xaque mate» nun ton que non resultase odioso, e é certo. Creo que ese é o ton que lle teño escoitado algunha vez a José María Aznar cando ten razón. Por iso non quero nin pensar o ton que chegaría a empregar o presidente caso de ter aparecido en Iraq as célebre armas de destrucción masiva. Dígoo, naturalmente, polo ton que está empregando agora que está claro que non aparecerán, e que é un ton que os demais xeralmente reservamos para canto temos moita, moita razón. Pero que moita. Mais a política consiste en gran parte nisto: falar sempre co apromo e a seguridade dun astrólogo e, caso de ser cruelmente desmentido, negar. Negar neste caso como un adúltero: con confianza e mesmo cun lene toque de indignación (e non me refiro a ese rumor, falso, que circula por aí). Collido in fraganti , Aznar tamén nega por boca de Zaplana. «Nunca dixo que lle constase persoalmente que había armas de destrucción masiva en Iraq», di o ministro do home que dixo que lle constaba persoalmente que as había. «Non tiñamos informes propios, confiamos nos dos demais», di o de Defensa, pasado aquel momento en que era preciso soster o contrario. E non só aquel home que falaba con tanta vehemencia non era Aznar. Tampouco nós eramos nós, senón outros que «estaban de acordo» en que había armas en Iraq. Así, ó misterio de por que se fixo a guerra súmase o misterio de por que tanta xente estaba en contra dela. Pero funciona, porque o importante non é a verdade senón o ton da frase, ese son que ten a verdade e que non é a verdade mesma e que é como unha canción pegadiza que, despois de escoitala varias veces, un cantaruxa practicamente sen decatarse. O primeiro impulso, claro está, é dicir que minten, e é un impulso comprensible, considerando «os datos que hai dispoñibles», como di agora o goberno da súa decisión de apoiar aquela guerra. Pero non son exactamente mentiras. Son a contabilidade creativa do poder. Aznar creu no que Bush lle dicía porque quería crer. Bush creu porque necesitaba crer, e encargou ós seus subordinados que lle argumentasen este prexuízo con todos os adornos da verdade, pero sen a verdade mesma, sempre tan difícil de destilar, sempre tan inconstante. A partir de aí, a letra non importaba, importaba a música. E a música sigue valendo porque sempre se lle pode cambiar a letra e poñer outra. E así.