Cocido nacional

CÉSAR CASAL GONZÁLEZ

OPINIÓN

| O |

01 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI cousas que saen da gorxa en galego, coma un longo poema sen fin, gaivotas no sumidoiro do ceo. Canta o merlo, canta a carricanta, o caso é o canto, a fala da música, a música que fala. Estas letras son un faladoiro. Xa puxen o pé no estribo dos soños. Vou dacabalo. Deixo os ollos no xarabe do río. Baixa o río revolto, inquedo, coma un brazo de mar, golpea no ribazo, cuspe na ribeira, bulebule. A miña muller come os grelos coma si nunca os vira. O cocido a ten atada a mesa de Platas en Aranga. A miña filla xoga no andel da cheminea. Agánchase alí e desafía as alturas do seu mundo pequeno, de hobbit. A vértixe non está na súa vida. Falamos do militar do pazo. -Non é pazo, está entre casal e pazo. Falamos do lacón que baixa só, sen o empuxón do viño. Falamos do sangue vermello do chourizo, que morre no prato. Falamos do cocido nacional popular, das bólas dos garavanzos, da pataca, nós, comedores de patacas. Chegamos co bandullo cedido a filloa, o mel da filloa que entra, doce, no ceo da boca. O meu sogro bota caña no café, na poza negra do café, un chisco de ledicia, o lume da caña no corazón do peito. Come e bebe que a vida é breve. Asoma o nariz o feliz Entroido. cesar.casal@lavoz.es