Xunto con repichar e repicharse existe outra variante galega, recricar(se), con idéntico significado, que convive na lingua coa forma normativa requichar. Este verbo aplícase como sinónimo de recachar e revirichar, que en orixe significan: 'erguer o rabo os animais', e támen 'botar os animais as orellas cara a atrás'. Ora ben, revirichar úsase de xeito máis preciso para definir aquilo que se vai rizando cando debería estar liso, que se retorce ou se enrosca: ¡Mira como lle reviricha o pelo! Dise tamén que alguén se puxo todo repichado ou recachado cando se mostra convencido do su valor ou adopta unha actitude importante, que se pon farruco. Este sentido é distinto do que se interpreta se unha muller anda toda recachada, é dicir, remangada, 'que levanta a saia ou calquera outra peza'. E por extensión, 'que anda lixeira de roupa'. Revirichan, repichan, recrican, requichan as chaquetas, a punta dos zapatos, o pelo, o colo da camisa... e ás veces ata o nariz ou o cu son requichados. Pois onde o castelán emprega respingón e respingona, o galego utiliza estes adxectivos: Ten o nariz requichado/recachado, ou o que é o mesmo, 'coa punta curvada cara a arriba'. ¡Hai tantas partes que requichan...!